Noticias
21 de abril de 2017
Volta da liga con ganas de tres puntos

O Pescados Rubén Burela FS volta á liga tras o descanso de Semana Santa con ganas de recuperar o camiño de tres en tres, despois de encadear os empates irmandiños con Poio Pescamar (1-1) e Ourense Envilia FSF (3-3). Para cumprir co obxectivo na 25ª xornada, contará mañá coa fortaleza de Vista Alegre (18.30 horas) fronte ao Leganés Masdeporte, que chega á Mariña con intención de romper unha mala dinámica.


As pupilas de Lucas e Julio Delgado continúan na loita por consolidarse na cuarta praza (46 puntos) con anhelos de podio, pechado polo Alcorcón con 6 puntos de vantaxe, e con certas reticencias con respecto ao rival a pesar dos números. Veranse as caras co 13º clasificado (14 puntos), que chega a Burela con obxectivos ben diferentes, con 4 derrotas ás súas costas (Móstoles 7-5, Alicante 1-4, Roldán 8-1, Gironella 3-4). “Sabemos que partimos como favoritos pero na primeira volta foi un rival que nos fixo sufrir nun partido moi igualado, que vén con ganas de sacar algo positivo e co reforzo engadido de Julia Forsiuk. Teremos que estar ao cento por cento para conseguir os tres puntos”, advertía Lucas.


No vestiario laranxa, as novidades na convocatoria serán a meta Ana Romero, que se reincorporou ás filas laranxas esta semana, e Emma, afastada das pistas de Primeira dende hai máis dun ano por unha lesión de xeonllo. Lara chegará entre algodóns por molestias nun nocello.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 8. Emma, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13.Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofia, 18. Shiori, 26. Elvira
Convocatoria Legánes Masdeporte: 1- Marta Balbuena, 6-Ángela, 7-Aida, 8-Benete,  9-More, 10-Puche, 11- Saki, 17- Elsa, 14- Patri, 16-Ampi, 18- Forsiuk.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores