Noticias
22 de abril de 2017
Vitoria laranxa ante un incisivo Leganés
Triunfo do Pescados Rubén Burela por 5-2 ante o Leganés FSF que deixou unha boa imaxe en Vista Alegre obrigando ás burelistas a ofrecer unha boa versión para conquistar os tres puntos.
O partido empezou co Pescados Rubén Burela levando a iniciativa do xogo e xerando inquietude na meta visitante. Dany lanzou o primeiro aviso, minuto 2, pero o seu disparo estrelouse no longueiro. A continuación Cilene comezou a calibrar o seu puntería con dous disparos que non atoparon o obxectivo desexado. Tras esta fase de acoso local, o Leganés estirouse e atopou espazos para xerar un par de ocasións de perigo. Puche e Ángela non lograron conectar bos remates e mantíñase o empate inicial no ecuador do primeiro periodo.

Os avisos das madrileñas provocaron a reacción laranxa e Shiori errou un clara ocasión para adiantar ao Pescados Rubén Burela. No minuto 12, Cilene abriu o marcador cun bo disparo afastado tras deixada de Dany. O 1-0 relaxou ao conxunto burelao e o duelo entrou nunha fase de imprecisións que finalizou con Bea Mateos de porteira xogadora. Malia esta decisión o xogo seguía sen control e o Leganés gozou de dúas ocasións para lograr o empate. Na primeira Cilene salvou baixo paus e na segunda Jozi gañou o duelo con Ángela.

Co 1-0 chegouse ao descanso e na segunda parte as burelistas saltaron á pista con máis claridade de ideas. O bo inicio obtivo o seu premio e nunha brillante acción colectiva chegou o 2-0, minuto 24, obra de Lara que culminou a xogada de Cilene e Shiori. O 2-0 deixou tocado ao Leganés pero o Pescados Rubén non aproveitou a súa superioridade e do posible 3-0 de Elvira, o seu remate estrelouse no pau, pasouse ao 2-1 logrado por Ángela tras unha perda local, minuto27.

O partido aumentou en incerteza e ritmo pero sen control de ningún equipo. No xogo desordenado o Leganés puido empatar pero Jozi evitouno e a continuación o Pescados Rubén volveu apostar polo xogo de cinco. Nesta ocasión a execución deste recurso das locais foi brillante e Shiori marcaba o 3-1, minuto 31. Non conseguía reaccionar o cadro vistiante e recorreu ao xogo de cinco que acabou certificando a superioridade laranxa. Jozi desde propia porta marcou o 4-1 e pouco despois Dany o 5-1. No último minuto Puche marcou o 5-2 definitivo.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Judith, Bea Mateos –cinco inicial- Shiori, Elvira, Lara, Sofía.

Leganés FSF: Marta, Ángela, Benete, More, Patri –cinco inicial- Puche, Ampi, Forsiuk, Aida, Saki.

Goles: 1-0, m.12, Cilene; 2-0, m.24, Lara; 2-1, m.27, Ángela; 3-1, m.31, Shiori; 4-1, m.36, Jozi; 5-1, m.36, Dany; 5-2, m.40, Puche.

Árbitros: Goyos López, Naray Álvarez de A Mariña. Cartón amarelo a Forsiuk e Benete do Leganés FSF.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 de Primeira División. Disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, 400 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores