Noticias
16 de xuño de 2017
Pescados Rubén e Comarcal A Fervenza formalizan o seu acordo de filialidade

O Pescados Rubén Burela FS e o Comarcal A Fervenza FSF formalizaron na tarde de onte un acordo de filialidade para 2017-18. O presidente laranxa, Manuel Blanco, recibiu na sede burelista a súa homónima no club ferrolán, Eulalia Mouriz, para tratar algúns detalles deste novo proxecto conxunto; na xuntanza tamén participaron a vicepresidenta, Cesarina Fanego, e o directivo Rubén Blanco, por parte do Pescados Rubén, así como o vicepresidente naronés, José Ángel Veiga, e o seu secretario e director deportivo, Manuel Picos.


Ambas as entidades aplaudiron esta aproximación na súa firme aposta polo crecemento do fútbol sala feminino en Galicia. “É un paso adiante para o noso club, teremos a oportunidade de que xogadoras da Fervenza poidan traballar con nós, como xa o fixeron estas últimas semanas nalgunha ocasión, e teñan a posibilidade de disputar partidos con nós en Primeira División. Buscamos que cada vez haxa máis xogadoras galegas no noso equipo e a estrutura da Fervenza axudaranos moito” explicaba Manuel Blanco, aproveitando para felicitar o equipo sénior naronés polo seu recente ascenso a Segunda División e incidindo no futuro prometedor deste acordo: “Estamos comezando o camiño xuntos; as rapazas da Fervenza xa nos visitaron para coñecer o noso método de traballo e co comezo de tempada tamén participaremos nalgún dos seus adestramentos. Traballaremos xuntos para axudarnos o máximo”.


Nos grandes beneficios deste apoio entre os dous clubs tamén coincidía a dirixente da Fervenza: “Faremos grandes cousas xuntos. Nós medraremos en moitos aspectos, non só deportivamente; estou segura de que as dúas entidades poñeremos todo o que nos sexa posible para que este traballo conxunto sexa frutífero” explicaba Eulalia Mouriz: “Somos un club humilde e familiar, aínda que xa temos case 80 nenas, e para nós é moi importante ir da man dun club de elite como o Pescados Rubén; imos aprender moito da profesionalidade e estrutura do Burela. Pola nosa parte, poderemos achegar toda a nosa experiencia no fútbol sala de base; este ano cumprimos 10 anos de traballo e ilusión, con nenas de entre 5 e 19 anos, e formando unha gran familia entre xogadoras, pais, nais, directiva e colaboradores”, concluía a presidenta naronesa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores