Noticias
6 de xullo de 2017
Lara aposta polo proxecto laranxa

A mariñá Lara Balseiro continuará apostando polo proxecto laranxa. A ala viveirense, de 24 anos, formalizou esta mañá a renovación para 2017-18 xunto ao presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego, que destacaron “o continuo traballo e a evolución dunha xogadora da bisbarra que medrou co club compartindo a traxectoria e vivencias do equipo dende a súa creación”.


“Dende hai 2 anos conseguín ir gañando minutos de xogo, sentirme máis importante e iso é o que quero para este novo ano para poder axudar ao equipo canto máis mellor e así conseguir estar o máis alto posible na táboa” falaba así a 10 burelista dos seus obxectivos para a que será a súa sexta tempada no Pescados Rubén nesta última etapa, despois de defender o Poio FSF en 2011-12.


Lara confía nunha tempada ilusionante, chea de ledicias, avalada pola continuidade do proxecto de 2016-17, con novidades que o poidan potenciar con garantías de éxito: “Espero que haxa reforzos, porque temos un bloque bo pero precisamos un cadro máis amplo que o ano pasado para poder pelexar por títulos”.


“A liga estará máis igualada; este ano xa foi así. Entrar en Copa foi difícil; o Futsi non o tivo tan doado para conseguir o título e ademais agora ten a baixa de Ariane e de momento non está tendo fichaxes. Creo que haberá máis equipos que poidan optar á Liga e oxalá sexamos nós as que esteamos máis arriba” auguraba, con optimismo, a viveirense, que se converte na cuarta renovación do cadro mariñán, tras Cilene e as metas Ana Romero e Jozi.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores