Noticias
7 de xullo de 2017
Silvia Rubal non continuará no Pescados Rubén
A burelá Silvia Rubal Casas non continuará no Pescados Rubén a vindeira tempada. A ala laranxa, de 21 anos, decidiu emprender unha nova etapa deportiva e laboral fóra de España, no futsal italiano.

Deixándolle as portas abertas da que sempre será a súa casa, a Familia Laranxa deséxalle o mellor dos futuros a Silvia, que se quixo despedir da vila, da afección e do club cunhas emotivas palabras:

“Tras acabar os meus estudos e sen encontrar unha saída laboral, atópome nun momento da miña vida que me anima a saír a vivir novas experiencias, marchandodo meu club, da miña casa e incluso de España. O meu próximo destino será Italia, onde disfrutarei desta oportunidade, vivindo unha nova e bonita experiencia ademais de seguir crecendo, tanto deportiva como persoalmente, ao igual que o fixen aquí vestindo as miñas cores durante tanto tempo.
Estou feliz polo que esta decisión me deparará pero para min deixar o Pescados Rubén Burela FS e a Burela (en todo o seu conxunto) é demasiado complicado e triste, aínda que dalgunha forma sempre estarei e me sentirei vinculada a este club que me arroupou na miña chegada con tan só 15 anos e o que agora me abre portas a novos retos tras converterme na xogadora e persoa que son.
Precisamente foi este equipo o que me levou a viaxar por toda España, e á vez, ver que en ningún lugar se vive o fútbol sala coma aquí, na Mariña. Creo que calquera xogador/a debería incluír no seu curriculum deportivo, polo menos, un ano en Burela porque a forma de sentir este deporte, de "facer da casa" a xogadores/as que veñen de fóra e a "Marea Laranxa" converténdose na mellor afección do mundo que te segue a onde sexa sen importar os quilómetros co único obxectivo de unir ilusión e ganas, brindando todo o seu cariño e apoio; todo isto é único de aquí.
Simplemente MILLÓNS DE GRAZAS a todas as persoas involucradas (menos ou máis) neste deporte e neste club; dende directivos, adestradores, compañeiras.... ata, por suposto, a todas as persoas que cada sábado ocupan a bancada de Vista Alegre ou que dende a distancia brindan confianza e apoio.
ORGULLOSA DE SER PATAQUEIRA E DE PERTENCER SEMPRE AO BURELA”


Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.