Noticias
11 de agosto de 2017
Movistar, Palma, Santiago e Pescados Rubén volverán brillar no Burela Bonita

O Torneo Burela Bonita reunirá por segundo ano consecutivo a tres das referencias de Primeira División, Movistar Inter, Palma Futsal e Santiago Futsal, xunto ao Pescados Rubén Burela FS, nun cuadrangular de luxo, os días 18 e 19 de agosto en Vista Alegre. A cita foi presentada esta mañá no consistorio burelao co presenza do alcalde, Alfredo Llano; o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández; e o presidente do club laranxa, Manuel Blanco, acompañados por un dos capitáns burelistas, Jorge Matamoros.


Dende o Concello Alfredo Llano e Ramiro Fernández salientaron a “visibilidade e proxección” que tanto o fútbol sala, co Pescados Rubén Burela FS, coma este torneo de primeiro nivel lle dan á vila de Burela. “O Torneo será sen dúbida un grande atractivo para toda a afección, tanto para os mariñáns, coma para os numerosos visitantes que está recibindo este mes A Mariña; invitámolos a que gocen deste torneo e que se fagan socios do club” explicaba o alcalde burelao, reafirmando o apoio municipal da posta en valor do deporte.


Manuel Blanco, pola súa banda, agradeceu a axuda do Concello, a través da súa delegación de Deportes, para facer realidade un ano máis un torneo dos máis prestixioso a nivel nacional: “Teremos o orgullo de compartir cartel co campión de todo, Movistar Inter, con Palma, equipo que volverá a estar pelexando entre os mellores de Primeira, e Santiago, toda unha referencia sempre na mellor liga. Será a presentación dun Pescados Rubén competitivo configurado para pelexar con calquera. Animamos a todo o mundo a que achegue a Burela porque será un espectáculo moi bonito con prezos simbólicos”. Jorge Matamoros falou do Burela Bonita como a presentación perfecta para o equipo: “Será un torneo duro, moi esixente, con rivais de refencia en Primeira, pero é unha excelente presentación; serviranos para coñecer as sensacións do equipo e seguir mellorando; temos depositadas moitas esperanzas por cumprir as expectativas e esperamos facer un bo ano” confesábase así o 10 laranxa.



Abono único. Por tan só 5 euros para adultos e 1 euro para menores de idade,  os amantes do futsal poderán gozar de dous días e catro partidos co mellor fútbol sala nacional, ademais de coñecer todas as novidades dos equipos antes de que comece a competición ligueira. A venda anticipada estará dispoñible na sede do club dende o próximo luns, 14 de agosto, ata o xoves, día 17, entre as 10.00 e as 14.00 horas.


Venres 18 de agosto


19.00 horas. Semifinal 1: Movistar Inter FS-Palma Futsal
21.00 horas. Semifinal 2: Pescados Rubén Burela FS-Santiago Futsal


Sábado 19 de agosto


19.00 horas. 3º e 4 POSTO: Perdedor Semifinal 1-Perdedor Semifinal 2
21.00 horas. FINAL: Gañador Semifinal 1-Gañador Semifinal 2



Axenda de pretempada


O cuadrangular abrirá a axenda de amigables dos laranxas, que xa teñen pechadas as datas doutros tres compromisos preparatorios antes de que comece a liga, o 16 de setembro, na casa do Valdepeñas FS.


Sábado 26 de agosto, en Cedeira: Pescados Rubén Burela FS-O Parrulo FS


Martes 29 de agosto, en Burela: Pescados Rubén Burela FS-Selección de Turkmenistán


Mércores 6 de setembro, nas Pontes: O Esteo FS-Pescados Rubén Burela FS


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores