Noticias
26 de agosto de 2017
Vitoria do Pescados Rubén Burela por 4-2 ante o VV Pernis de Rotterdam
O Pescados Rubén Burela FS conseguiu a primeira vitoria da pretempada ao derrotar ao VV Pernis Rotterdam de Holanda (4-2), na primeira xornada do Torneo Internacional Cidade de Viana do Castelo de fútbol sala feminino. O conxunto que dirixe Julio Delgado impúxose desde o primeiro minuto do partido (xogado en dous tempos de 15 minutos cada un) e pese aos lóxicos desaxustes dun partido de pretempada, mantivo un bo ton durante todo o encontro.
O primeiro gol das burelistas chegou tras un ataque pola dereita que tras disparo de Dany rebotou na capitá holandesa, Suzanne, e introduciuse no portal defendido por unha moi acertada Bianca. Sen dúbida, a gardameta do VV Pernis foi a máis destacada do equipo de Rotterdam, con intervencións moi acertadas ante os constantes ataques do Pescados Rubén Burela FS, que se foi ao descanso con ese 1-0 no marcador.

Na reanudación, mantívose a tónica da primeira parte coas xogadoras de Julio Delgado atacando e dominando o choque e a defensa sen concesións das "oranges" que sorprenderon nun contragolpe e empataron aos dous minutos deste período, por medio da súa pívot, Jennifer, tras un roubo de balón en media cancha e plantarse soa ante Jozi baténdoa a media altura.

Os ataques das xogadoras da Mariña intensificáronse ante o marco holandés e froito diso chegaron case consecutivos o segundo e terceiro tanto laranxa (neste choque de negro, por coincidencia de cores), con dianas de Cilene tras culminar unha xogada persoal ben apoiada por Julia Forsiuk. Corría o minuto 8 e no 9 chegaba o 3-1 nun bonito remate de Lara Balseiro en xogada de ataque pola esquerda.

Nos minutos finais, o dominio burelao foi constante. A falta de dous minutos, Dany Domingos marcaba o cuarto de tiro cruzado trala mellor xogada do partido protagonizada polas súas compatriotas Cilene, omnipresente, e a recentemente incorporada, Tai Menezes. A incisiva pívot holandesa Jennifer anotaba o segundo do seu equipo a falta dun minuto e deixaba o marcador no definitivo 4-2 para Pescados Rubén Burela FS, que se enfrontará ao Poio Pescamar na estrea deste interesante Torneo Cidade de Viana do Castelo. As pontevedresas, perderon no seu primeiro partido ante o potente Benfica, campión de Liga e Copa portuguesa, por 2-0 no choque que abría o evento.

FICHA TÉCNICA
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Sara Correia, Lara, Bea Mateos, Dany -cinco inicial- Judith, Cilene, Tai Menezes, Julia Forsiuk, Sofía, Ana Romero.
VV Pernis: Bianca, Suzanne, Dunnia, Vivienne, Jennifer -cinco inicial- Sue, Felicia, Myrusha.

Goles: 1-0, Suzanne p.p., min 10; 1-1; Jennifer, min 22; 2-1, Cilene, min 28; 3-1 Lara, min 29; 4-1, Dany, min 33; 4-2 Jennifer, min 34.

Árbitros: Ferreira, Azevedo. Tarxetas amarelas para Lara, Bea e Vivienne.

Incidencias: Segundo partido do Torneo Internacional Cidade de Viana do Castelo, no pavillón Municipal Monserrate, 400 espectadores.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores