Noticias
28 de agosto de 2017
Víctor: 'A vitoria contra O Parrulo axúdanos moito'

O Pescados Rubén Burela FS de Juanma Marrube continúa camiñando pola boa senda. “As boas sensacións do Torneo Burela Bonita non se reflectiron nos resultados, pero o sábado, contra O Parrulo (1-3), xa puidemos lograr a vitoria, algo que nos axuda moito anímicamente” explicaba Víctor López Real (Madrid, 1987) no comezo da súa segunda etapa de laranxa, incidindo na importancia da preparación inicial: “A pretempada está sendo dura e bastante esixente, pero é o que toca; canto máis suframos agora mellor chegaremos ao inicio de liga”.


“A actitude do equipo foi boa, sobre todo en defensa; en ataque temos que seguir traballando, pero é algo normal porque é un equipo en formación, con incorporacións e adestrador novo. O que máis me gustou foi o traballo en bloque” explicaba o novo 4 burelista, procedente do Cagliari Futsal, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.


“Hai que traballar e seguir traballando. Temos un bloque bo, bastante compacto; temos  experiencia, pero tamén xuventude, temos un pouco de todo e creo que iso nos levará lonxe” aludía así o peche aos ilusionantes obxectivos ligueiros.


Turkmenistán, en Vista Alegre


Mañá volven os amigables a Vista Alegre, “con pouco descanso”, como di Víctor, para medirse á selección de Turkmenistán (20.30 horas, entrada gratuíta). “É unha selección bastante competitiva; será difícil, pero iso tamén nos serve para seguir mellorando e aprendendo. Pouco a pouco ímonos coñecendo e  iso vese reflectido no día a día” incidía así o burelista na evolución e formación do novo Pescados Rubén.


Prone, o sábado


Os laranxas volverán saltar ao parqué, pero a domicilio, para medirse ao Prone Lugo, ás 19.00 horas, no primeiro derbi provincial de 2017-18 (pavillón municipal dos Deportes)

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores