Noticias
29 de agosto de 2017
Pescados Rubén 0-1 Turkmenistán
A falta de acerto nos últimos metros impediu que o Pescados Rubén Burela FS se fixese dono do electrónico no amigable desta tarde fronte á Selección de Turkmenistán (0-1). A Bomboneira foi testemuña dunha cita na que os laranxas deron un paso adiante na circulación de balón fronte a un equipo aloucado e veloz, con minutos de responsabilidade tanto para o mozo Mini, que esta tempada defenderá o Onde Sempre Xove FS, coma para os xuvenís Pitero e Nito.


Cora, Pitero e Renato xeraron as primeiras accións de perigo, aínda que foi Turkmenistán o que tomou vantaxe, xa no minuto 2, co Sahedov Gurbangeldi, nunha perda de transición rápida. Dispuxeron de ocasións de ouro Colacha e Chus (minutos 7 e 8) para igualar, con final amargo contra o pau. Foi un constante tira e afrouxa para os de Juanma Marrube, ao que lles faltou acerto e que tiveron que frear as tentativas dos visitantes, con Gurbangeldi e Serdar entre os homes máis incisivos. O Pescados Rubén optou por xogo de cinco, con Renato, na recta final antes do descanso; antes, Víctor, en carreira pola banda, tivo outra boísima para a igualada. A bucina do final de primeiro acto soou en Vista Alegre cun disparo de Luisma, desde balón parado, que salvou Shohrat cos pés.


Os burelistas traballaron sen descanso para remontar e facerse co marcador no seu regreso ao parqué, avalados por un Álex, habilidoso baixo paus para minimizar a vantaxe de Turkmenistán. Colacha protagonizou as mellores chegadas dos de Juanma Marrube, nos minutos 26 e 27. O 9 laranxa volveu aparecer no 36 para intentar sorprender o meta de Turkmenistán da segunda parte, Berdimyrat, que soubo saír airoso do envite, coa mesma soltura que segundos máis tarde, nun rexeite fronte a Cora. Chus abadeirou a aposta de cinco nos últimos tres minutos sen recompensa.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Chus, Cora, Renato, Pitero, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Hélder, Luisma, Víctor, Colacha, Mini, Nito

Selección de Turkmenistán: Shohrat, Serdar, Gurbangeldi, Dayanch, Ovezvay, cinco inicial; tamén xogaron Vatan, Mulkaman, Makat, Rovshen, Abdy, Abdylla, Marat, Allamyrat, Berdimyrat,

Goles: 0-1, minuto 2, Gurbangeldi

Árbitros: Fernández Becerra // Corral Martínez (Lugo). Por Pescados Rubén amarela a Renato. Por Turkmenistán amarela a Serdar, Gurbangeldi, Allamyrat, Makat,

Incidencias: Partido amigable de pretempada disputado no pavillón Vista Alegre ante uns 500 afeccionados/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores