Noticias
31 de agosto de 2017
Colacha: 'A adaptación está sendo doada. Burela é unha vila acolledora'

“Estou moi contento, Burela é unha vila acolledora. A adaptación está sendo bastante doada, eu veño dunha vila tamén pequena, e os compañeiros estanme axudando moito”, así recoñecía o ala José A. Luna Guijarro, Colacha (Doña Mencía-Córdoba, 1998) a súa boa integración no novo Pescados Rubén Burela FS, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o directivo Rubén Blanco.


Paso a paso, os burelistas van adquirindo a filosofía transmitida por Juanma Marrube, así o ve o internacional Sub-19 con España que recala na Mariña cedido por Palma Futsal: “As dúas primeiras semanas foron duras, pero hai que dar o máximo para chegar a principios de liga con boas sensacións e estámolo conseguindo. Empezamos coa defensa e agora estamos collendo o ritmo no ataque, a elaboración, adquirindo fluidez na saída de balón” reflexionaba sobre o traballo de preparación destas catro semanas o novo 9 burelista.


A próxima cita, con Prone Lugo (sábado 2, 19.00 horas, pavillón municipal dos Deportes de Lugo), ten todos os ingredientes de grande espectáculo, con aires de Segunda División: “É un derbi provincial. Hai ganas de seguir demostrando do que somos capaces, xa que no partido do martes, coa selección de Turkmenistán, acusamos a falta de gol. Este partido debe motivarnos para seguir facendo as cousas ben, polo pouco que nos queda xa para empezar a competición, por ser un derbi provincial e por un rival ao que nos mediremos en liga”, explicaba un dos xogadores mariñáns máis incisivo do último amigable.


“Espero acabar a adaptación sen complicacións, como ata agora, coa boa axuda que estamos recibindo dun corpo técnico que é moi próximo. Esperemos estar en marzo nunha boa posición para pelexar polos obxectivos do club”, mostraba así a súa ilusión Colacha.



XXVII Copa Galicia


O Pescados Rubén Burela FS xa coñece a identidade do seu rival para estrearse na XXVII Copa Galicia. Os mariñáns deberán disputar os oitavos de final o 12 de setembro con Santa Isabel FS (pavillón municipal de Outeiro de Rei, 21.00 horas), que se impuxo na primeira eliminatoria a CP Casás 5-1.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores