Noticias
5 de setembro de 2017
O Pescados Rubén presenta oficialmente a Taiane Menezes

A ala brasileira Taiane Menezes (Indaiatuba-São Paulo, 1990) foi presentada oficialmente polo Pescados Rubén Burela FS, arroupada polo presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego, despois de pechar os trámites burocráticos necesarios para a formalización do seu contrato a comezos da semana.


“Veño acompañando o Burela en redes e sobre todo a través de Cilene e de Jozi. Sempre o vin como un bo equipo e unha óptima oportunidade para seguir traballando o meu futsal, a miña técnica e os meus coñecementos. Espero contribuír ao equipo e que os dous lados poidamos gañar coa miña chegada ao Pescados Rubén”, así de emocionada se amosaba Tai, apuntando a “velocidade, tanto en ataque coma en retorno” coma a súa gran virtude futbolística e uníndose ao desexo do equipo, con ganas de títulos, na prometedora tempada que se achega, con estrea o 16 de setembro na casa, coa visita do Majadahonda FSF (18.30 horas).


 


Mércores de Copa Galicia


 


Tan só catro días despois na presentación en Vista Alegre do equipo, as pupilas de Julio Delgado e Lucas volverán saltar ao parqué da Bomboneira, mañá, con estrea na XXVII Copa Galicia. “Será o meu primeiro partido en competición oficial co Pescados Rubén; espero xogar ben e axudar para seguir dando pasos na Copa Galicia e chegar a gañar o título” explicaba a nova 16 laranxa, en vésperas do envite co Viaxes Amarelle FSF (20.30 horas, entrada gratuíta) e cun grato sabor tras o enfrontamento ante o Poio Pescamar FSF (2-2): “Estaba moi ansiosa pola estrea na casa; o partido foi axustado pero todo saíu ben. Non rematamos coa vitoria, pero foi o empate foi un bo resultado para o primeiro partido na casa, na miña opinión” puntualizaba Tai.


 


O Esteo para os de Juanma Marrube


 


O cadro de Juanma Marrube medirase mañá ao Esteo, na presentación oficial do equipo de Segunda B.; será ás 20.30 horas no pavillón municipal das Pontes. O desprazamento a Noia (19.30 horas), con antesala de liga o sábado, pechará a semana de amigables para os burelistas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores