Noticias
7 de setembro de 2017
Baile de goles na estrea copeira
O Pescados Rubén Burela FS superou con nota o primeiro envite en competición oficial cun baile de goles na súa estrea na XXVII Copa Galicia, esta tarde fronte ao Viaxes Amarelle FSF (7-2), abrindo a lata Dany para continuar, por partida dobre, Judith, Cilene e Julia Forsiuk.

Precisou dúas tentativas a contundente Dany no minuto 4 para poñer do lado das laranxas o electrónico; o pau puido repeler a primeira pero da segunda a 3 mariñá soubo recibir e voltearse ante unha porteira adiantada para sentenciar. Con dominio e ataque sen tregua do Pescados Rubén, Tai tivo nos seguintes compases o 2-0 ata en tres ocasións, sen poder finalizar con éxito. Un dos primeiros perigos para Jozi protagonizouno a ex–burelista Dolo (minuto 8), a pase de Inés, con boa resolución da meta brasileira. As locais depositaron a súa fortaleza no xogo de cinco con preto de sete minutos para o descanso –Cilene xa exercera de porteira xogadora no minuto 6- ata que chegou a recompensa. Judith atopou o 2-0 preto do pau, cun preciso pase de Dany, no 17.

Cilene converteuse no revulsivo ofensivo do segundo acto. En tan só un minuto ampliou a fenda ata 4-0, cumpríndose o 24 de xogo. Antes, no 22, Dany salvara o máis que posible 2-1 de Mariña, tras superar a Ana Romero. Antes de chegar ao minuto 30 o Amarelle soñou con meterse no partido grazas aos tantos de Tati e Mariña, pero foi a ucraína, Julia Forsiuk, a encargada de reafirmar a autoridade das de Julio Delgado e Lucas con dúas dianas en tan só 19 segundos. Vista Alegre vivía unha tarde de dobretes e a novísima Judith non quixo ser menos, anotando o seu segundo no 34; subía o definitivo 7-2. Antes do asubío final, Julia aínda tivo o oitavo, que se estrelou contra a meta Paula.

Próximo rival copeiro
O Pescados Rubén ten previsto completar os compromisos de grupo o 27 de setembro na pista do Valdetires FSF (21.00 horas), á espera da autorización definitiva da Federación Galega de Fútbol.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Judith, Julia, cinco inicial; tamén xogaron Sara Correia, Sofía, Tai, Ana Romero
Viaxes Amarelle FSF: Sandra, Patri, Martica, María, Mónica, cinco inicial; tamén xogaron Mariña, Sheila, Dolo, Inés, Tati, Marta Hermo, Paula
Goles: 1-0, minuto 4, Dany; 2-0, minuto 17, Judith; 3-0, minuto 23, Cilene 4-0, minuto 24, Cilene; 4-1, minuto 29, Tati; 4-2, minuto 30, Mariña; 5-2, minuto 30, Julia Forsiuk; 6-2, minuto 31, Julia Forsiuk; 7-2, minuto 24, Judith;
Árbitros: Menéndez Nistal // Coello Martínez. Por Amarelle amarela para Sheila (minuto 20);
Incidencias: Partido do Grupo 1 da XXVII Copa Galicia disputado en Vista Alegre ante uns 400 afeccionados/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores