Noticias
7 de setembro de 2017
Sofía: 'Estou moi orgullosa de estar no Pescados Rubén'

Esta será a segunda tempada de laranxa para Sofía Vázquez Iglesias, unha tempada chea de ilusións, soños e novas metas para a novísima ala ribadense, que acaba de cumprir 16 anos: “Estou moi orgullosa de estar neste club, de ter o apoio de todas as compañeiras e con ganas de seguir a por máis; esperamos ter mellores logros”, así de emocionaba falaba a 17 burelista onte tras o peche de compromisos de pretempada coa vitoria 7-2 fronte ao Viaxes Amarelle FSF de Copa Galicia.


“Estiven moi a gusto, moi cómoda na pista” explicaba Sofía dunha cita, a copeira, da que Julio Delgado tamén saíu moi satisfeito: “Foi un bo partido, sobre todo polo resultado. Este ano vainos custar un pouco máis, imos ter máis o balón porque temos cadro para iso, pero aínda hai traballo por facer; as xogadoras están mentalizadas. O importante é ir medrando pouco a pouco e sobre todo que vaian acompañando os resultados porque iso daranos a motivación necesaria para ir dando pasos cara adiante” analizaba o técnico laranxa ao remate dun encontro de probas para as mariñás: “Utilizamos o partido para ensaiar, algunhas cousas non saíron ben, cos dous goles por exemplo, despois de deixar descolgar unha xogadora, pero esta era unha cita para traballar situacións que se poderán dar ao longo da tempada en momentos decisivos” explicaba Julio Delgado, destacando a adaptación das novas incorporacións, sobre todo de Julia: “É unha xogadora que está moi condicionada polo idioma e está facendo uns esforzos tremendos, coma todas; ademais co Amarelle tivo o acerto de marcar dous goles que nos devolveron inmediatamente a tranquilidade ao marcador tras os dous do rival”.


Comezo de liga, 16 de setembro


Conta atrás para o comezo ligueiro: As mariñás arrancarán a competición o sábado 16 de setembro, ás 18.30 horas, en Vista Alegre coa visita do Majadahonda FSF, unha tempada na que Sofía ten marcado o seu obxectivo persoal para seguir medrando e aprendendo no futsal: “Quero xogar máis e achegar un pouco máis tamén ao equipo” aseguraba a ribadense.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores