Noticias
16 de setembro de 2017
Vista Alegre agarra os tres puntos
Vista Alegre viviu un emocionante debut da liga de Primeira RFEF 2017-18, agarrando os tres puntos, con 6-5 ante Majadahonda FSF Afar 4. A pesar do dominio e da ampla vantaxe no electrónico, o nerviosismo da estrea fíxose notar no Pescados Rubén Burela FS, que tivo recorrer na recta final a Bea Mateos con xogo de cinco para facerse coa vitoria.

Nada máis saltar á pista, Julia abriu a fenda (minuto 5) aproveitando un rexeite da meta Laura, tras tentativas de Dany e Tai. Antes xa puxeran a proba a rede visitante Judith e Dany (minutos 3 e 4). Jozi resolveu sen complicacións as escasas chegadas do Majadahonda, no 8 fronte Mónica Vergara e no 9 para frear a escapada de Nerea; segundos máis tarde, Tai estivo moi atenta para axudar á meta laranxa na máis perigosa ata o momento das de Roberto de Frutos. No 13, Lara ampliou distancias e Julia viu o terceiro das laranxas acto seguido tras saque de medio campo do Majadahonda. Un minuto despois Marta Mateo, co 3-1, conseguiu mitigar aínda que levemente o monólogo burelista, que enseguida volveu á carga; o pau rexeitou a tentativa de Tai no 15, e a gardameta freou co pé a Lara. A falta de tres minutos e medio para o descanso Bea Mateos saltou á pista como porteira xogadora; tivo o Majadahonda o 3-2 a porta baleira, que segundos despois materializou na volta á pista de Jozi, tras un mal pase de Judith (minuto 19). Nos últimos segundos, pegada ao pau, cazou un lanzamento de Cilene para transformalo no 4-2.

A segunda parte comezou con alternancia finalizadora e demasiada recompensa para as visitantes. O 5-2 subiu para as laranxas no 24, nunha tentativa de Dany, que pegou en última instancia en Ana Belén; en tan só 1 minuto Marta Mateo, moi oportuna esta tarde, reduciu ata o 5-4, superando a defensa de Ana Romero, Bea e Cilene, primeiro, e aproveitando un rexeite máis tarde. O Majadahonda celebrou o empate no minuto 37 nun despexe de Ana Romero fronte a Andrea Feijoo que recuperou Celia para materializar.

Apostou entón o Pescados Rubén de novo por porteira xogadora. Para frenesí da Bancada Laranxa, Judith deulle a sufrida vitoria ao Burela a falta dun minuto e medio, nunha acción que obrigou á 15 laranxa a retirarse da pista por un golpe na cadeira contra o poste.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Lara, Judith, cinco inicial; tambié xogaron Tai, Julia, Sara Correia, Bea Mateos, Ana Romero
Majadahonda FSF Afar 4: Laura, Marta Mateo, Elena Mateo, Andrea Feijoo, Celia; tamén xogaron Mónica Vergara, Ana Belén, Jessica, Nerea
Goles: 1-0, minuto 5, Julia; 2-0, minuto 13, Lara; 3-0, minuto 13, Julia; 3-1, minuto 14, Marta Mateo; 3-2, minuto 19, Andrea Feijoo; 4-2, minuto 20, Tai; 5-2, minuto 24, Ana Belén (p.p.); 5-3, minuto 24, Marta Mateo; 5-4, minuto 25, Marta Mateo; 5-5, minuto 37, Celia; 6-5, minuto 39, Judith
Árbitros: Muñoz García David // Díaz Arias (Asturias). Por Burela FS, amarela a Dany e Sara Correia. Por Majadahonda amarela a Marta Mateo
Incidencias: Partido da primeira xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante unhas 350 persoas. Judith, arroupada polas súas compañeiras, presentou en sociedade ante a Bomboneira a súa afillada, Carla, de tan só un mes.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores