Noticias
22 de setembro de 2017
Alicante, impoñente estrea a domicilio

O Pescados Rubén Burela FS estreará os compromisos ligueiros a domicilio o sábado, na segunda xornada de Primeira RFEF, coa visita ao impoñente Universidad de Alicante (18.30 horas). O cadro de Julio Delgado e Iván Cao, Lucas, espera emoción e espectáculo tanto dentro como fóra da pista: “É unha semana moi ilusionante. Estamos con moitas ganas de que chegue o sábado porque é un partido moi bonito tanto para ver coma para xogar e imos a Alacante con toda a ilusión do mundo para poder traer os 3 puntos”, explicaba Judith, autora do 6-5 definitivo que lles deu a vitoria ás laranxas na xornada inaugural.


Ao final só quedou nun susto o gran golpe que se deu a 15 mariñá na cadeira contra a portería nesa acción, o sábado pasado: “Estou moi contenta por poder axudar o equipo con ese gol. O luns e o martes estiven á marxe do grupo pero xa estou adestrando con normalidade. Só foi un golpe e o importante foi que o gol serviu para quedarnos cos 3 puntos”.


Malia a complexidade da cita, Judith espera que o Pescados Rubén dea un paso adiante no seu xogo: “É un equipo que volve aspirar ao título; o ano pasado xa o demostrou quedando subcampión. Vai ser un partido bonito, pero tamén complicado. É un rival con moita fortaleza física; para poder conseguir a vitoria temos que xogar ao que sabemos. Temos moita ilusión e moitas ganas de xogar e de poder ofrecer unha mellor imaxe que a do sábado, sen ter que sufrir tanto. Esperamos traer a vitoria e seguir medrando colectiva e individualmente” explicaba a burelista.


A expedición, que partiu onte ás 22.30 horas, adestrará esta mañá xa no seu destino (12.30 horas).


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Tai, 17. Sofía, 37. Julia Forsiuk


Copa Galicia
O Pescados Rubén pechará os compromisos de grupo de Copa Galicia o mércores 27, na pista do Valdetires FSF (21.00 horas).


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores