Noticias
23 de setembro de 2017
Tres primeiros puntos para os de Juanma Marrube
Un bo inicio para reivindicar a fortaleza de Vista Alegre. Estrea na casa, con tres puntos e portería a cero. Así viviu o Pescados Rubén Burela FS a segunda xornada de liga fronte a ElPozo Ciudad de Murcia (3-0). Os de Juanma Marrube souberon canalizar o ataque desde o seu principal sustento, a orde en defensa, para ir medrando aos poucos no partido.

Víctor puxo por diante aos burelistas sen tatexar no minuto 11. Antes, no 9, tivérana, moi envelenada, os murcianos nas zapatillas de José Mario estrelándose contra os paus. O gol deu a calma necesaria aos de Juanma, que foron atopando a rede de Guillamón con máis frecuencia e cada vez con máis perigo. Saltou Vista Alegre no 14 cun pase de Pope ao que non chegou Chus por moi pouco fronte á meta visitante; volveu vibrar cun potente disparo de Renato desde balón parado que fixo tremer o pau. ElPozo puxo a proba a defensa local no tramo final antes do descanso coa estratexia e xogadas rápidas; Álex, no 16, resolveu fronte a Cobarro o que podía ser o empate.

Colacha ampliou distancias no 28 tras recuperación de Víctor. Pouco antes, no 27, ambos os conxuntos desperdiciaran as súas mellores ocasións do segundo acto; primeiro os laranxas, con Matamoros freado por Guillamón e despois José Mario nun disparo cruzado desviado. Chegou o momento para matar o partido no 32 coa expulsión de Cobarro; Matamoros asinou o 3-0 no 34, cun certeiro disparo, que tamén esperaba Kelson pegado ao pau, por si tiña que rematala; antes intentárano Renato, Hélder e Kelson. A Bomboneira viviu un frenético final; apostou ElPozo con xogo de cinco con máis de catro minutos por diante para a remontada, pero dispuxo de escasas ocasións; tamén contraatacou o Pescados Rubén coa mesma estratexia, liderada por Chus, que dispuxo dunha clara para o 4-0, sen máis goles.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Luisma, Chus, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Pope, Víctor, Colacha, Kelson


ElPozo Ciudad de Murcia FS: Guillamón, Josema, Cobarro, Piqueras, Cámara, cinco inicial; tamén xogaron Paniagua, Yera, José Mario, Gambín, Tabuenca, Gilbert

Goles: 1-0, minuto 11, Víctor; 2-0, minuto 28, Colacha; 3-0, minuto 34, Matamoros

Árbitros: Montero Galán // Navarro Rodríguez (Castela e León). Por Burela FS amarela Kelson. Por ElPozo dobre amarela a Cobarro (minuto 25 e 32), amarela a Piqueras

Incidencias: Partido da segunda xornada de Segunda División disputado en Vista Alegre antes uns 700 afeccionados. Minuto de silencio inicial polas vítimas do terremoto de México.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores