Noticias
6 de outubro de 2017
As laranxas defenden a primeira praza en La Estación
Chega a 4ª xornada de Primeira Divisón RFEF co duelo por excelencia. O sábado, o Pescados Rubén Burela FS defenderá a primeira praza na pista do Atlético de Madrid Navalcarnero (La Estación, 18.30 horas). “sempre son partidos moi emocionantes que nos gustan a todas as xogadoras, sobre todo na situación na que estamos. Temos que seguir traballando na mesma liña e intentar defender o liderado”, explicaba Lara Balseiro.
“Non estamos máis preocupadas do habitual, en cada xornada; o traballo da semana foi o mesmo, estudando o rival e tratando de atacar as súas debilidades. Non se pode obviar que é un gran equipo e que é o actual campión de liga pero agora mesmo nós somos líderes e ímoslles a dar moito que facer”, incidía Lara sobre a vantaxe de 3 puntos as mariñá sobre as madrileñas, que sucumbiron ao Roldán na segunda xornada, para o espectacular envite.

“Será un encontro como todos os nosos duelos; un partido moi competido, que non se decida ata o final e onde cada detalle conte. É clave a concentración nos corenta minutos; somos conscientes e vivimos a experiencia recentemente porque nas dúas últimas xornadas o partido non se decidiu ata o último minuto. Creo que esta xornada non vai ser unha excepción”.

O afán de superación e o traballo ben feito como principal meta son os responsables deste cumio temperán, desde a perspectiva de Lara: “Estamos traballando ben e aínda que hai incorporacións, as xogadoras estanse adaptando rápido. Non imaxinaba estar na primeira praza tan rápido pero creo que isto só é froito do traballo e por iso debemos estar contentas.
O que intentamos en cada adestramento é mellorar o noso xogo día a día e os resultados estannos axudando” reflexionaba a viveirense, confesando o seu bo momento: “Atópome ben, con confianza, participante bastante e axudando ao equipo”.

Julio Delgado e Lucas non poderán contar con Tai, que sufriu unha fractura da falanxe proximal do quinto dedo da man dereita durante a sesión de adestramento do mércores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores