Noticias
13 de outubro de 2017
Sara Correia: 'Queremos volver á vitoria o máis axiña posible'
O Pescados Rubén Burela FS encomendarase este sábado a Vista Alegre para recuperar a senda triunfal, na quinta xornada de Primeira RFEF, coa visita de Penya Esplugues Gironella (18.30 horas): “Vimos da primeira derrota pero estamos traballando ben, concentradas e mirando o próximo partido con claridade porque queremos volver á vitoria o máis axiña posible” explicaba Sara Correia, que agarda unha cita complicada: “É un rival que nos vai crear dificultades; é un equipo forte, con referencias individuais de calidade pero nosoutras tamén temos as nosas armas e imos deixalo todo na pista para que queden os tres puntos coa nosa afección” puntualizaba a lusa.

As catalás chegarán á Mariña na oitava praza, con 7 puntos, con tan só 2 de desvantaxe con respecto á quinta das laranxas, nun comezo de liga moi apertado, algo moi positivo para espectáculo, segundo puntualizaba a 13 burelista: “Eu de momento non coñezo moito dos rivais pero polo que me dixeron Julio, Lucas e as compañeiras sabía que ía ser unha liga moi rifada. Para min e para calquera xogadora iso é ideal, é emocionante; pode haber sorpresas en cada xornada” valoraba así a ala-peche, facendo fincapé na relevancia de cada punto en xogo: “Nesta xornada tan só temos 2 puntos de diferenza pero daremos todo o que teñamos para ampliar esa fenda e quedar o máis arriba posible”.

Para Sara Correia a clave para non deixar escapar os tres puntos estará na volta da calma ás filas mariñás: “Temos que recuperar a tranquilidade; o sábado pasado entramos cun pouco de ansiedade, algo normal, pero non nos axudou nada. No entanto, en Madrid tamén tivemos momentos bos, que nos fixeron pensar en que podíamos regresar cos tres puntos. Temos que continuar traballando na liña que nos indican os adestradores, cremos moito no que nos din, e seguir este camiño” reflexionaba Sara, recoñecéndose moi querida en Buela: “Sentimos moito o cariño da xente, fannos sentir coma na casa”.

A falta de que a semana de adestramentos remate, esta mañá, en San Cibrao, a única ausencia do vestiario laranxa será Tai, pola fractura sufrida a semana pasada na man.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 37. Julia Forsiuk
Convocatoria Penya Esplugues Gironella: 4. Estela, 7. Sandra, 8. Celia, 9. Helena, 10. Berta, 11. Pilar, 12. Marta, 13. Laura, 14. Zoe, 15. Nerea, 18. Raquel, 23. Julia

Acompáñasnos a Ourense?
Todos os afeccionados/as que queiran asistir ao derbi de Primeira RFEF da próxima semana, o sábado 21, na pista do Cidade das Burgas, poderán facelo a través da viaxe organizada polo Pescados Rubén Burela FS. O club poñerá a disposición de todos os interesados/as o desprazamento en autobús e entradas por tan só 14,50 euros; a viaxe realizarase cun mínimo de 30 afeccionados/as. As persoas que así o desexen deberán apuntarse na oficina do club (avda. Arcadio Pardiñas 91, baixo).
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores