Noticias
14 de outubro de 2017
O Pescados Rubén Burela recupera a senda triunfal cun apertado 5-4 ante o Penya Esplugues
Vista Alegre foi testemuña do regreso á senda triunfal do Pescados Rubén cun bonito partido, moi aberto e apertado, ante o Penya Esplugues Gironella (5-4). As laranxas mostraron “unha cara moi boa, con grandes momentos, ante un rival que demostrou que é capaz de estar arriba” explicaba Julio Delgado dun encontro que se lles puxo costa arriba ás da Mariña, con continuo toma e daca no marcador.

Cilene, cun potente disparo, neutralizou no minuto 4 a rápida vantaxe das visitantes, que se adiantaron xa no 2, cunha veloz chegada de Berta Velasco.

O Penya Esplugues recuperou o dominio no luminoso no minuto 7, nun despexe de Ana Romero que cazou Zoe. Bea Mateos saltou no 9 para liderar o ataque, como porteira xogadora. Con esta aposta chegaron de novo as táboas ao electrónico, coa eficacia de Cilene. Certos desaxustes no ataque de cinco a punto estiveron de custarlles caro ás mariñás, con tres ocasións erradas das catalás a porta baleira entre os minutos 12 e 13. O tempo morto do minuto 15 serviulles ás laranxas para recuperar certa serenidade co gol inmediato de Bea Mateos ao larguiero. Jozi evitou o terceiro do Penya Esplugues tan só un minuto despois, cun dobre penalti nas zapatillas de Laura.

Aínda que as primeiras embestidas foron das laranxas, con Sara Correia e Dany, foron as de Robert Caneda as que atoparon o gol para subir o empate no 22, con Laura, aproveitando unha tentativa de rexeite da defensa local. No 24, o Pescados Rubén volveu recorrer ao xogo de cinco. Recuperando o ataque de catro, tivo Sara Correia unha ocasión de ouro para o cuarto nunha pelota alta que foi parar ás mans de Raquel. Estivo moi atenta Ana Romero baixo paus; aproveitaron entón as galegas nunha saída de Dany que culminou Lara, asistida por Judith, no minuto 32, e ampliou a fenda co 5-3 a maxistral Cilene, rubricando o seu hattrick, no 35. Buscou o Penya Esplugues a remontada con Laura como porteira xogadora. A grande oportunidade das catalás materializouna Roig a falta dun minuto e medio para o final ao transformar un penalti, tras man de Bea Mateos. Souberon manter a renda as laranxas nos últimos segundos con asedio de cinco desde as filas visitantes.


Ficha técnica
Pescads Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Sara Correia, Judith, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Lara, Julia Forsiuk, Jozi
Penya Esplugues Gironella: Raquel, Celia, Berta Velasco, Riscos, Laura, cinco inicial; tamén xogaron Ronsel, Roig, Alicerce, Zoe, Rovira, Júlia
Goles: 0-1, minuto 2, Berta Velasco; 1-1, minuto 4, Cilene; 1-2, minuto 7, Zoe; 2-2, minuto 10, Cilene; 3-2, minuto 15, Bea Mateos; 3-3, minuto 22, Laura; 4-3, minuto 32, Lara; 5-3, minuto 35, Cilene; 5-4, minuto 39, Roig (penalti)
Árbitros: Fandiño, Jonathan // Zarza, Óscar (Asturias). Por Burela, amarela para Cilene, Lara. Por Gironella amarela a Ronsel (minuto 24), Celia
Incidencias: Partido da quinta xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre, ante unhas 400 persoas. A laranxa Sofía Vázquez ofreceu o seu recente premio como Mellor Deportista Lucense do Ano (Fútbol Sala) de El Progreso á afección burelista, xunto á directiva Cesarina Fanego.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores