Noticias
21 de outubro de 2017
Un segundo de máis
Ao Pescados Rubén Burela FS sobroulle o último segundo esta tarde en Vista Alegre ante o sempre titánico FC Barcelona Lassa B (2-3). Os de Juanma Marrube, que conseguiron remontar tras o descanso un 0-2, viron escapar o empate sobre a bucina cun gol dos cataláns tras un rexeite.

O duelo de forzas no cumio mantivo o electrónico equilibrado ata a recta final da primeira parte, con fortuna para os visitantes, na que non houbo moito perigo baixo paus. Os mariñáns tiveron un bo arranque, aínda que a partir do minuto 7 cederon terreo aos de Xavier Closas, máis intensos en presión e cun paso adiante en circulación. No 17, Juan Fran puxo o 1-0, asistido por Nil Closas, e no 18 A. Cardona selou un mísil que non puido frear nin sequera o pau. A falta de pouco máis de trinta segundos, Matamoros puido reducir cunha gran chegada pola banda, aínda que con ángulo moi limitado.


Ao regreso dos vestiarios o Pescados Rubén soubo como meterse no partido co sustento de 5 para 4, ante un Barcelona que non saíu tan forte. Antes de chegar á medianía do segundo acto, Renato intentou sorprender de lonxe ante un Miquel moi atento, que tamén desartellou a tentativa de Luisma no rexeite. Con case dez minutos por diante, Matamoros vestiu a camisola verde en busca dos tres puntos. Volveu tela Luisma nas súas zapatillas fronte ao meta catalán ata en tres ocasións seguidas. Matamoros reduciu a fenda no 33, ao cazar o despexe de Miquel de novo asediado por Luisma. E non podía ser doutra forma; o máis que traballado empate chegou coa firma do logroñés, con moito tempo aínda (minuto 36). Cantaba Vista Alegre buscando o merecido premio. O Pescados Rubén pediu tempo a falta de 4 segundos, intentou finalizar e a fortuna caeu de lado contrario; os cataláns aproveitaron o rexeite e A. Cardona anotou o definitivo 2-3 a porta baleira sobre a bucina.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Luisma, Chus, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Pope, Víctor, Colacha, Kelson

FC Barcelona Lassa B: Miquel Feixas, Uri Santos, Xavi Cols, Nil Closas, Daniel, cinco inicial; tamén xogaron Roberto, A. Cardona, Juan Fran, Pau Recasens, A. Ripol

Goles: 0-1, minuto 17, Juan Fran; 0-2, minuto 18, A. Cardona; 1-2, minuto 33, 2-2, minuto 36, Luisma, 2-3, minuto 40, A. Cardona

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal (Galicia). Por Burela, amarela a Matamoros (minuto 7), Renato (minuto 23), Álex (minuto 30), Luisma (minuto 30). Por Barcelona, amarela a Uri Santos (minuto 21)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante uns 800 espectadores. Minuto de silencio pola traxedia dos incendios sufridos en Galicia, Asturias e Portugal

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores