Noticias
28 de outubro de 2017
Pescados Rubén Burela 6-1 Cádiz
O Pescados Rubén Burela FS recuperou esta tarde parte da súa esencia de xogo fronte a un minguado Cádiz Polideportivo FSF ao que lle está custando aclimatarse á categoría. As mariñás aferráronse con contundencia aos tres puntos con 6-1, ofrecendo unha mellor versión na segunda parte, con repartición de moitos minutos para as súas xogadoras e só un gol en contra.

Antes de completarse o segundo minuto de xogo a xoia burelista, Sofía, subiu ao marcador o 1-0 a pase de Julia Forsiuk. Cilene xa avisara con moito perigo na xogada anterior. Parecía o presaxio dun monólogo das laranxas ante un novel en Primeira que chegou á Mariña moi minguado, para defender en 15 metros e optar á contra, aínda que sen renderse. Ata o minuto 8, o Cádiz non conseguiu chegar á rede de Ana Romero pero soubo aproveitar as súas tentativas. No ecuador da primeira parte, Tere subiu o empate, tras o axexo de Ana T., desarmado por Ana Romero e Lara, e cun bo corte anterior de Cilene nunha perda de Sara Correia. Julio Delgado e Lucas pediron tempo para recuperar posicións e ocasións; así chegou axiña o segundo, con marca de Cilene. Con case cinco minutos para o descanso, as laranxas apostaron por porteira xogadora e en menos de 15 segundos a maxistral Dany anotou o terceiro, asistida por Sara Correia.

As locais ampliaron a fenda tras o descanso, no minuto 25, cun disparo de Julia Forsiuk que introduciu Elena baixo os paus gaditanos, e no 27, con Cilene, a pase de Dany. A capitá, Bea Mateos, foi a autora do 6-1 tras recuperación de Cilene nas proximidaddes da área visitante. Aínda faltaban máis catro minutos para a bucina final. Julia estivo a piques de cazar o sétimo no 38 coándose na portería andaluza. Nos últimos segundos, Ana Romero estivo moi atenta para frear dúas embestidas perigosas do Cádiz en contraataque.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Cilene, Sara Correia, Sofía, Julia Forsiuk, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Bea Mateos, Dany

Cádiz Polideportivo FSF: Paula P. Tere, Elena, María D., Natalia, cinco inicial; tamén xogaron Ana T., Esmirri, Laura

Goles: 1-0, minuto 2, Sofía; 1-1, minuto 10, Tere; 2-1, minuto 15, Cilene; 3-1, minuto 16, Dany; 4-1, minuto 25, Elena (p.p.), 5-1, minuto 27, Cilene; 6-1, minuto 36, Bea Mateos

Árbitros: García Arbona // Silva Plano (Colexio Asturiano). Por Cádiz, amarela a María D.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de Primeira RFEF disputado en Vista Alegre ante unhas 400 persoas
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores