Noticias
3 de novembro de 2017
O Pescados Rubén dorme líder tras o 4-2 ante Elche
O Pescados Rubén durmirá líder esta noite abrindo a xornada 8 de Segunda LNFS tras impoñerse ao Elche CF esta tarde en Vista Alegre (4-2), esperando o resto dos resultados entre o sábado e o domingo. Os de Juanma Marrube souberon agarrar os tres puntos renunciando un pouco á súa esencia, sen ser eles mesmos, ante un rival que recalaba en Vista Alegre moi motivado, estreando adestrador.

Os mariñáns ofreceron un bo inicio xerando ocasións. Colacha intentou sorprender a Rafa no minuto 4, cun balón desviado; no 5, Chus nun xenial pase de Matamoros tívoa fronte á rede ilicitana pero fóiselle moi alta. Co paso dos minutos o Burela, o xogo laranxa foise diluíndo, perdendo a paciencia e a calma. Álex evitou o primeiro do Elche no 7, co pé ante Josema, cun bo bloqueo da defensa no rexeite.

Corría en minuto 11 cando o Pescados Rubén soubo como adiantarse para recuperar certa calma, nas zapatillas de Luisma en parede con Víctor, tras unha boa recuperación en pista burelista sobre Aitor. Rubi igualou a contenda a falta de dous minutos e medio merodeando pola área, coando o esférico entre a defensa laranxa tras un rexeite e sen presión. Sen resignarse, o Pescados Rubén Burela depositou todas as súas armas en Matamoros, que ofreceu a alegría da vantaxe á bancada, cun disparo desde os 9 metros que desarmou ao sólido Rafa.

O segundo período foi un calco do primeiro, con certa incomodidade dos da Mariña sobre a pista. Aitor viu portería para os de Carlos Sánchez no 27, para subir o empate, a balón parado, tras falta Kelson. Reaccionaron os de Juanma Marrube con dúas envelenadas nos seguintes compases aínda que sen éxito, primeiro Pope e máis tarde Matamoros. Precipitouse entón de novo un pouco o Burela FS. A punto estivo de chegar o 3-2 nas zapatillas de Luisma rozando o pau, no 32, e en menos dun minuto, o Elche puxo en verdadeiros apuros os mariñáns, cun despexe in extremis primeiro de Chus e pouco despois nun rápido roubo de balón.

Insistiu o Pescados Rubén sobre a rede de Rafa. Mata non puido finalizar o pase de Pope no 36, pero si o fixo Hélder, que recibiu moi oportuno fronte a Rafa o balón de Luisma en galopada desde a banda. A falta de 3’47” Aitor liderou o xogo de cinco para o Elche; na primeira acción Pope salvouna baixo paus. Respondeu o Pescados Rubén con Chus como porteiro xogador alternando con Matamoros. Víctor tivo o cuarto a porta baleira restando minuto e medio. Souberon neutralizar o Elche os Juanma Marrube salvando Luisma o empate cun minuto aínda por diante e chegou o definitivo 4-2 para xúbilo da Bancada Laranxa, de novo coa firma de Hélder, que recibiu un pase longo coa rede sen gardameta a 28 segundos para o final.




Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Víctor, Luisma, Chus, Colacha, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Pope, Hélder, Kelson, Cora

Elche CF Sala: Rafa, Aitor, Rubi, Josema, Kiwi, cinco inicial; tamén xogaron Óscar, Raúl, Samu, Míchel

Goles: 1-0, minuto 11, Luisma; 1-1, minuto 18, Rubi; 2-1, minuto 20, Matamoros; 2-2, minuto 27, Aitor; 3-2, minuto 37, Hélder; 4-2, minuto 40, Hélder

Árbitros: De Juana González // Sánchez Llorente (Cantabria). Por Burela amarela a Kelson (minuto 27), Colacha (minuto 31), Luisma (minuto 39). Por Elche amarela de Aitor (minuto 14), Josema (minuto 25), Rafa (minuto 27)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 8 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante uns 800 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores