Noticias
5 de novembro de 2017
O Burela FS, colíder de Primeira, tras unha vitoria de infarto en Móstoles (2-3)
O Pescados Rubén Burela FS pechou este mediodía a xornada 8 con tres puntos de infarto na pista de Móstoles (2-3) que o ruben ao coliderado, empatado a 21 puntos co Atlético de Madrid Navalcarnero, que tamén venceu hoxe, con 4-0 fronte ao Universidad de Alicante. Logo de comezar contracorreente no marcador, pelexando polas táboas durante os corenta minutos, un gol de Lara, a falta de 5 segundos para o desenlace, deulles o triunfo ás de Julio Delgado e Lucas, un triunfo polo que non deixaron de pelexar en ningún momento as Guerreiras Laranxas.

As locais adiantáronse cun gol de Inma a pase da ex burelista Shiori Nakajima, no minuto 4, nunha situación sobre a que xa traballaran as filas mariñás, aínda que no partido non puideron evitalo. Fíxose esperar moito o empate das galegas, nunha cita na que dispuxeron de numerosísimas ocasións, sen exactitude no último pase. A falta de dous minutos e medio, Lara aproveitou un rexeite na área mostoleña para o 1-1. Nos últimos intres Miriam, baixo paus, evitou con solvencia o que podería ser o segundo do Pescados Rubén, para marchar ao descanso con vantaxe.

Na segunda parte, o Burela FS continuou levando o peso do partido, saíu máis forte, cunha defensa alta, aínda que a finalización volveu resistirse ante un rival que só conseguía facer algo de dano á contra. Así, Patri Chamorro subiu o 2-1 anotando desde o seu propio campo tras roubo con xogo de cinco laranxa. A falta de case minuto e medio para a bucina final, as pupilas de Julio Delgado e Lucas recuperaron as táboas ao marcador con porteira xogadora nun balón que Julia Forsiuk coou ao segundo pau. Optou o Móstoles por ataque de cinco, cunha presión asfixiante do Burela. Aguantaron as da Mariña, con Jozi moi atenta, e cazaron ao voo a súa oportunidade de ouro; a tan só 5 segundos para o final, o Pescaods Rubén arrebatoulle o partido e os puntos ao Móstoles, de novo nas zapatillas da viveirense Lara.

Ficha técnica
Móstoles FSF: Miri, Patri Chamorro, Shiori, Inma, Carmen Alonso, cinco inicial; tamén xogaron Celia, María Otero, Alba Pena, Ballesteros, Rocío
Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Sara Correia, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Julia Forsiuk, Sofía
Goles: 1-0, minuto 4, Inma; 1-1, minuto 18, Lara; 2-1, minuto 34, Patri Chamorro; 2-2, minuto 39, Julia Forsiuk; 2-3, minuto 40, Lara
Árbitros: Alonso Abad // Arquero Jordan. Por Burela amarela a Bea Mateos (minuto 18).
Incidencias: Partido da oitava xornada de Primeira División RFEF disputado en Villafontana.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores