Noticias
17 de novembro de 2017
O Burela recibe o Puertollano noutro duelo directo de vertixe

O Pescados Rubén Burela FS recupera as 18.30 horas como horario habitual para a tempada na décima xornada de Segunda LNFS coa visita do FSD Puertollano, noutro duelo directo de vertixe na zona alta. Tan só 2 puntos avantaxan os de Juanma Marrube dos de Marlon Velasco, que recalan na Mariña avalados polas súas dúas vitorias goleadoras como local (7-3 Manzanares, 9-5 Tenerife).


“Temos ganas de volver xogar na casa, que sempre motiva máis, e con ganas de volver gañar porque en Antequera non fixemos o noso mellor partido, aínda que tivemos opcións ata o final” explicaba Luis Martínez Somalo, Luisma, autor do último tanto dos laranxas da xornada pasada, con 5-3 definitivo.


Os mariñáns defenderán a quinta praza con 18 puntos fronte á sexta do Puertollano, con 16, “nun partido duro, contra un equipo que está moi ben traballado e xoga moi ben de catro” advertía o pivote, incidindo na relevancia do protagonismo e responsabilidade da Bomboneira. “Sabemos que se gañan adiántannos. Quédannos 6 partidos ata o final da primeira volta, 4 son na casa e creo que unha das claves para chegar ao ecuador arriba será facernos fortes en Vista Alegre”.


Unha xornada na que volverán medir forzas unhas das mellores versións de defensa, a dos galegos, e de ataque, a dos castelano-manchegos: “Aposta moito polo ataque e ten un dos pichichis da competición, Dani Colorado. Unha das nosas virtudes é ser fortes en defensa; o outro día encaixamos 5 goles en Antequera, algo que non é habitual, e este sábado pelexaremos por recuperar esa solidez defensiva que nos levou a estar arriba na clasificación e facer máis dano nos últimos metros” aseguraba Luisma.


“Estou contento de estar moi implicado no proxecto e de intentar achegar todo o que podo para cumprir os obxectivos do club” confesábase así o 6 burelista, concentrado no traballo diario buscando sempre e sobre todas as cousas a evolución do equipo e do grupo.


Sorteo de 300 euros en metálico


A partir das 18.00 horas, a Bomboneira será testemuña do gran sorteo de 300 euros das rifas que nestas dúas últimas semanas regalaron os establecementos colaboradores Alain Afflelou Burela, Talleres Pomeda, Palacio de Cristal, Hotel Nordés, Parrillada de Jandro, cafetería Vista Alegre, Kessarys Joyeros, cervecería-vinoteca O Traste, Centro de Dietética y Nutrición Alba Vila, O Sargo, Bodega O Lagar, Espacio Lector Nobel e Talleres Harauto en Burela, ademais de Galipizza e Resort Thalasso Las Sirenas, en Viveiro, e Living Sport, en Foz . Os 100 primeiros afeccionados en chegar a Vista Alegre (apertura de portas as 17.30 horas) tamén terán o seu número para acceder ao sorteo.


Un Bocado Doce para merendar


Para combater o frío que chegou nestes últimos días á Mariña, o bar de Vista Alegre terá chocolate con churros por tan só 1,5 euros.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 20. Kelson

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores