Noticias
14 de decembro de 2017
Colacha: 'Betis é unha pista moi complicada, só Barcelona gañou alí'

O ala andaluz José Antonio Luna Guijarro, Colacha, volve á súa terra esta fin de semana co Pescados Rubén Burela FS para medirse no último desprazamento da primeira volta e do ano ao Real Betis Futsal (sábabo 16, 19.00 horas, pavillón municipal de Amate).


“Imos con moitas ganas. É un rival directo. Temos que facer o noso traballo para saír airosos dunha pista moi complicada. Alí só puido gañar Barcelona” advertía o andaluz, incidindo na proximidade entre a sexta praza laranxa (25) e a décima dos sevillanos (19), con tan só 6 puntos de fenda.


Os pupilos de Juanma Marrube queren despedir 2017 con boa dinámica neste sprint final antes do ecuador: “No noso pensamento só están os tres puntos; logo de empatar na casa, con Mengíbar, só nos vale a vitoria, coa que poderemos meternos nos postos de arriba” explicaba o 9 laranxa, ante unha tarefa ardua na xornada 14: “Espero un Betis moi competitivo, con bos xogadores e calidade individual, cun grupo bastante equilibrado, aínda que creo que o seu verdadeiro potencial non está reflectido na táboa. Cando se compenetre un pouco máis será un equipo moito máis efectivo”, explicaba o internacional sub-19 do equipo dos ex-burelistas Chano e Jorge Bellvert. 


Os mariñáns buscarán reafirmar ante Betis a boa segunda parte do sábado pasado ante Mengíbar, unha boa reacción coa que puideron dar a volta ao marcador, aínda que ao final só se puido quedar nun 3-3, con certo ronsel agridoce: “Só nos queda corrixir os erros, como nos di o míster; para iso estivemos traballando duro e concentrados durante a semana, para sacar os tres puntos” concluía o ala cordobés.


A expedición laranxa partirá esta noite, ás 23.00 horas, con rumbo a Sevilla. Mañá, ás 12.00 horas, pechará a semana de adestramentos en Amate.


Convocatoria PROVISIONAL Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 17. Nito, 20. Kelson


 



 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores