Noticias
15 de decembro de 2017
A liga de Primeira volve en Leganés

A liga de Primeira RFEF volve esta fin de semana con España como campioa do Torneo IV Nacións. O Pescados Rubén Burela FS afrontará a recta final do ano con dous desprazamentos a domicilio; o primeiro será este sábado ás 18.15 horas na pista do Leganés Masdeporte, coa 12ª xornada.


O conxunto galego defenderá a segunda praza (28 puntos), perseguindo o líder Atlético de Madrid Navalcarnero (30 puntos), fronte ao décimo da táboa (13 puntos), que volta do descanso encadeando derrotas con Poio (4-5), Roldán (1-0) e Ourense Envialia (4-1). O Leganés volve á liga para romper a etapa negativa fronte á boa senda das mariñás. “Regresamos coas mesmas ganas, con fame de balón e esperando seguir coas mesmas sensacións” explicaba o adestrador Julio Delgado, despois de dúas semanas sen competición que lles veu moi ben as laranxas, a pesar de frear a súa boa dinámica.


“As xogadoras estaban sometidas a certa presión dende pretempada; un club como o Burela FS debe estar nos postos de arriba. O descanso serviulles para desconectar un pouco e cargar as pilas, ademais había xogadoras con moitos minutos acumulados e estes 15 días sen sesións colectivas, aínda que con traballo individual, viñeron moi ben para volver coller o ton e afrontar mellor estes dous partidos antes do Nadal” explicaba Julio Delgado, pedindo ao seu equipo manter a presenza que amosou fronte a Poio Pescamar e Jimbee Roldán, nos últimos compromisos: “É un equipo bastante atrevido que presenta tanto unha defensa alta coma en media pista e que ten moi bos movementos en defensa, un equipo traballado e compensado. Creo que se non traballamos coa seriedade e concentración dos últimos partidos imos sufrir bastante. Estes dous últimos encontros déronnos moita moral, as xogadoras viron que o traballo ten recompensa e isto para un adestrador é fundamental. Esta recompensa failles medrar no aspecto anímico e psicolóxico e encaran os partidos doutra maneira”.


Se non hai contratempos de última hora, Tai regresará do Brasil o sábado para incorporarse en terras madrileñas á expedición, que partirá ese mesmo día a primeira hora da mañá.


Viaxe a Ourense para a afección (venres 22)


Todos os afeccionados/as que queiran pechar 2017 con emoción de futsal, de derbi galego en Primeira RFEF o venres 22 de decembro, na pista do Ourense Envialia FSF, poderán facelo a través da viaxe organizada polo Pescados Rubén Burela FS. O club poñerá a disposición dos todos os interesados/as o desprazamento en autobús e entradas por 14 euros/persoa; a viaxe realizarase cun mínimo de 30 afeccionados/as. As persoas que así o desexen deberán apuntarse na nova sede do club (avda. Arcadio Pardiñas 97, entreplanta 10). Data límite para apuntarse: Xoves 21 de decembro, 19.00 horas


Horarios:
Saída: Venres 22 de decembro, Vista Alegre (cafetería), ás 17.30 horas
Partido: Ourense Envialia-Pescados Rubén Burela FS (21.00 horas)
Regreso: Ao remate do encontro

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores