Noticias
21 de decembro de 2017
Vista Alegre di adeus con espectáculo: Burela FS-Noia

Non se podía pedir máis para despedir ao grande 2017 en Vista Alegre. O mausoleo laranxa pechará o ano e a primeira volta o sábado, día 23, co duelo galego entre o Pescados Rubén Burela FS e o Noia Portus Apostoli (18.30 horas). “Os derbis sempre son bonitos, pero sabemos que teremos que esforzarnos para conseguir os tres puntos e así poder irnos de vacacións contentos. Vai ser un partido duro, coma todos, moi intenso, no que temos que estar moi concentrados” advertía unha das Xoias Laranxas, Renato Lopes.


Tras o importante empate na pista do Betis, o cadro mariñán defenderá a cuarta praza (26 puntos) ante un Noia que chega con ganas de máis despois de rachar con Manzanares (3-1) unha mala época: “Ten un bo cadro, aínda que non están acertados de cara ao gol, pero creo que van saír da zona baixa” explicaba Renato do equipo dos ex–burelistas Christian Chao e Xuxa, que ocupa a 13ª praza (10 puntos), sobre o que o técnico Juanma Marrube puntualizaba: “Podería ter máis puntos se tivera todos os xogadores ao longo da tempada. É un equipo que se coñece á perfección e vai ser moi perigoso en Vista Alegre. É dinámico coa pelota e moi ordenado e ademais chegará coa tranquilidade de vir de sumar”.


“Está sendo unha semana intensa coma todas, seguimos traballando para mellorar os erros que tivemos con Betis e intentar non cometelos de novo” explicaba o 12 burelista, que pechará os adestramentos de 2017 mañá pola mañá xunto aos seus compañeiros.


Desexando un Bo Nadal e Feliz Aninovo a toda a afección, os mellores pensamentos tanto para o adestrador coma para o xogador no cambio de ano se centran no fútbol sala. Juanma pide traballo e máis traballo: “Estou contento, estamos onde queríamos estar. Só pido capacidade de traballo, estar entre os mellores require moitos sacrificios, e seguir coa liña actual. Aí está a fortaleza deste grupo”. Renato quere sumar de tres en tres: “Espero despedir o ano cunha vitoria e tan só desexo seguir así en 2018. Afortunadamente estou acertando no gol, iso é froito do traballo diario, e cada vez me sinto mellor, sobre todo porque estou rodeado dun gran grupo”.


Sorteo dunha cesta de Nadal (valorada en 1200 euros)


Durante o descanso, sortearase unha cesta de Nadal valorada en 1200 euros, que conta coa colaboración de cafetería Vista Alegre, Parrillada de Jandro, Espacio Lector Nobel, Resort Thalasso Las Sirenas (Viveiro), Bodega O Lagar, Alain Afflelou Burela, Talleres Harauto, Foto Sergio ou Living Sport (Foz), entre outros establecementos. Os xogadores laranxas visitaron os anteditos negocios nos últimos días para facer entrega das rifas aos seus clientes; o sábado os afeccionados máis madrugadores tamén poderán entrar no sorteo.



Presentación do Calendario Solidario de Raiolas


O sábado, a Bomboneira terá como convidada a Asociación Raiolas de Lugo, de Persoas con Autismo, que presentará o seu calendario solidario de 2018, coa colaboración dos xogadores/as laranxas Judith, Tai, Víctor e Colacha, entre outros deportistas da provincia.



Ano Novo en Vista Alegre


O fútbol sala regresará en 2018 con estrea en Vista Alegre e Tarde Laranxa 100%, o sábado 13 de xaneiro. Ás 16.30 horas o Pescados Rubén Burela FS de Primeira RFEF recibirá o Gualdacacín na xornada 14ª e ás 19.00 tocaralle a quenda ao equipo de Juanma Marrube, en Segunda LNFS, coa visita do Valdepeñas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores