Noticias
21 de xaneiro de 2018
O Pescados Rubén asalta o parapeto de ElPozo (4-5)
Foto: Prensa ElPozo
O Pescados Rubén Burela FS puxo esta mañá o broche á xornada 17 ao grande, rompendo a imbatibilidade local do impoñente ElPozo Ciudad de Murcia (4-5). Os pupilos de Juanma Marrube gañaron, con intelixencia, a guerra imposta polos murcianos; conseguiron levar os tres puntos cun gol de Renato a catro segundos da bucina final en superioridade, nunha cita na que chegaron a dispoñer dunha renda de 1-4, con remontada dos de Josán González na recta final con porteiro xogador.

Os galegos souberon como facer moito dano desde a defensa, aproveitando as perdas de inicio, fronte a un rival que empezou con gran dinamismo. Luisma púxose por diante no minuto 8. Chemi evitou o que podería ser o 0-2 para os laranxas nas proximidades do ecuador da primeira parte e ElPozo logrou igualar a contenda, no 11, con Cámara, a pase de Álex García. Sen tregua o Pescados Rubén deu un golpe de autoridade axiña, con diana de Chus e Héctor ampliou a fenda no 17 para recibir o tempo de descanso, con tranquilidade, co 1-3.

Regresaron os de Juanma Marrube á pista moi finos. Nos primeiros compases Pope asinou o 1-4. No 31 ElPozo foi a por todas con xogo de cinco, marcado por Josema. Así os locais puideron recortar distancias, no 33, cun disparo que pegou en Luisma antes de pasar a liña de meta. Era o 2-4 e Juanma tamén optou por Chus como porteiro-xogador para manter a pelota, aínda que non atopou a posesión desexada. Edu saltou á pista para desartellar o penalti lanzado por Darío, tras man de Luisma; restaban aínda 5 minutos para o desenlace, con tensión e revolucións ‘in crescendo’ sobre a pista. Yera liderou a aposta de cinco na recta final na busca da remontada e conseguiuno, con boa saída; en tan só 24 segundos puxo táboas 4-4, con Paniagua e Álex García; quedaban 1’11” para a bucina final e a emoción cobrou máis intensidade coas expulsións, por segunda amarela, de Jose Mario (minuto 39) e Alberto García (a falta de 13 segundos). Pescados Rubén aproveitou a súa superioridade con Renato a tan só 4 segundos para anotar o definitivo 4-5, levar os tres puntos rompendo a imbatibilidade local do titánico ElPozo.


Ficha técnica

ElPozo Ciudad de Murcia: Chemi, Cámara, Darío, Gilbert, Álex García, cinco inicial; tamén xogaron Paniagua, Josema, Alberto García, Yera, Cobarro, José Mario

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Chus, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Héctor, Luisma, Colacha, Edu

Goles: 0-1, minuto 8, Luisma; 1-1, minuto 11, Cámara; 1-2, minuto 12, Chus; 1-3, minuto 17, Héctor; 1-4, minuto 21, Pope; 2-4, minuto 33, Luisma (p.p.); 3-4, minuto 39, Paniagua; 4-4, minuto 39, Álex García; 4-5, minuto 40, Renato

Árbitros: Bustos Caparrós // Ugarte Ruiz (Andalucía). Por ElPozo amarela a Gillamón, Darío, Josema e Chemi; dobre amarela a José Mario (expulsión, 39) e Alberto García (expulsión, 40). Por Burela amarela a Renato, Héctor, Luisma, Víctor, Álex e Colacha

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Segunda LNFS, disputado no pavillón José María Gagigal.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores