Noticias
27 de xaneiro de 2018
O Pescados Rubén refórzase en Vista Alegre
O Pescados Rubén Burela dá un paso adiante para reforzar a súa grande arma, a solidez de Vista Alegre, tras a gran vitoria desta tarde fronte ao Itea Córdoba (2-1), que chegaba á Mariña con 5 xornadas ás súas costas sen perder. Fronte a un rival que pelexou para que os laranxas non xogasen cómodos, o conxunto de Juanma Marrube soubo remar co marcador en contra grazas á súa capacidade de traballo e orde, remontando e agarrando os tres puntos cunha recta final sufrida.

Os primeiros compases vivíronse na área de Álex pero foi a ofensiva burelista a que se adiantou para facer tremer a rede andaluza, no minuto 3 cunha gran saída de Colacha que evitou o pau e poucos segundos despois unha envelenada tentativa de Hélder a balón parado que despexou Cristian por arriba. No 5, Vista Alegre a punto estivo de cantar o primeiro, cunha oportunidade de ouro para Chus, que cazou desde a esquina un rexeite que volveu a repeler o pau. O Itea estreou perigo no 8, cun balón de Manu Leal, enzarzado na área que salvou Luisma na liña de meta en consonancia con Álex. Poucos segundos transcorreron e foi outro dos Leal, David, o que atopou co gol, desde a banda, en contragolpe. Volveu á carga o equipo galego, xerando ocasións desde a defensa e en ataque posicional. No 14, Renato case sorprende o meta cordobés a balón parado. Víctor intentouno no 17 nun disparo raso de lonxe; antes o esférico de Luisma superara a Cristian sen poder cazalo Héctor fronte á portería. E por fin chegou o empate tan buscado. Pope perforou a rede visitante tras un rápido saque de esquina de Víctor. Con 1-1 entrou no último minuto da primeira parte Vista Alegre con fame de máis, sen baixar os brazos no reinicio.

Viviu a Bomboneira o gran minuto de ouro da cita, no 25, con dúas ocasións para os burelistas, de Luisma, sen recompensa, a primeira salvada por Cristóbal e a segunda caendo nas mans de Cristian. O Itea contraatacou con Manu Leal, con bo despexe de Álex. Os de Juanma Marrube souberon manter o empate en inferioridade tras a segunda amarela de Héctor (minuto 26), con dous paus dos andaluces. Superado o ecuador do segundo acto, Colacha converteuse no pesadelo dos cordobeses. Intentouno no 32, no 33 asistiu a Chus e no 34, por fin, selou en 2-1 culminando un pase longo. Con cinco faltas para os laranxas, o Itea apostou por porteiro xogador faltando máis de catro minutos para a bucina. Recta final de non apta para cardíacos: Renato tivo o terceiro a porta baleira con 44 segundos aínda por diante e Álex custodiou os tres puntos; estivo sublime nos últimos compases desbaratando por partida dobre o empate cordobés, a falta de 26 e de 6 segundos respectivamente, axudado por Víctor no medio.






Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Álex, Hélder, Chus, Colacha, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Héctor, Víctor, Pope

Itea Córdoba CF Futsal: Cristian, Pakito, Koseki, Cordeiro, Thiago, cinco inicial; tamén xogaron Cristóbal, Manu Leal, Catiti, David Leal, César, Ismael

Goles: 0-1, minuto 8, David Leal; 1-1, minuto 19, Pope; 2-1, minuto 34, Colacha

Árbitros: Fernández Cárdenas // Jarque Ruiz (Madrid). Por Burela amarela a Renato (minuto 13), Héctor (minuto 17 e 26), Luisma (minuto 30). Por Córdoba, amarela a Thiago (minuto 14), Manu Leal (minuto 39), Catiti

Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Segunda LNFS, disputado no pavillón Vista Alegre ante unhas 800 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores