Noticias
2 de febreiro de 2018
Álex: 'O Bisontes non está no seu mellor momento e iso faino aínda máis perigoso'

O Pescados Rubén Burela FS mídese mañá (17.30 horas, Ciutat de Castelló) o Bisontes Castellón na 19ª xornada de Segunda LNFS, buscando dar continuidade ao seu bo inicio da segunda volta, desde a sexta posición (33 puntos). “Agora non están no seu mellor momento e iso fainos máis perigosos aínda, porque quererán cambiar xa a dinámica que levan e máis na casa” advertía o meta Álex do rival, que ocupa a 11ª praza (25 puntos), con catro derrotas ás súas costas, na súa peor etapa da tempada.


O 13 laranxa, pletórico na vitoria fronte a Itea Córdoba (4-5) cuns segundos finais de infarto, ve o equipo forte e con ganas de máis: “Empezamos con bo pé a segunda volta. Levamos mellor puntuación que na primeira e temos que seguir coa racha. A semana pasada só fun unha peza máis; agora toca pensar no sábado e facelo o mellor posible, axudando en todo o que poida” explicaba Álex, fuxindo de protagonismos.


Para o porteiro madrileño, haberá moitas similitudes coa ida, cun axustado 2-1 para os mariñáns: “Aquí foi un partido bastante rifado e volverá ser así. Van saír motivados, sobre todo arriba, e intentar levar o peso do partido en todo momento, pero nós temos que manter a liña que levamos fóra da casa” explicaba Álex, esperando  un Bisontes con fortalezas “en presión e ataque con pivote, con xogadores corpulentos”: “Nós temos que evitar ese corpo a corpo e estar moi atentos en defensa posicional” adiantaba o burelista.


A expedición chegará a Castellón para realizar a última sesión da semana, esta mañá, logo de viaxar toda a noite, nun traxecto que se fixo aínda máis longo polas retencións debido á neve.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero, 20. Héctor


Antesala dunha semana de derbis


O desprazamento a Castellón será a antesala a unha dobre cita de derbi irmandiño, con cuartos de Copa Galicia na pista do Noia Portus Apostoli (21.00 horas) o martes 6 e a xornada 20 en Vista Alegre, coa visita do Prone Lugo, o sábado 10 (19.00 horas, TVG).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores