Noticias
2 de febreiro de 2018
Presentación do Campionato de España de Seleccións Sub-17 Feminino
O presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, participou esta mañá na presentación do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-17 Feminino (A Mariña, 7-11 de febreiro), que tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial de Burela. Desde a entidade laranxa, o máximo dirixente agradeceu a implicación da Real Federación Galega de Fútbol e das Administracións por facer realidade un evento desta magnitude na Mariña e reafirmou o compromiso do club para seguir colaborando neste tipo de iniciativas: “Poderemos ver as mellores xogadoras de España; son o futuro do fútbol sala. Galicia é unha referencia do crecemento do fútbol sala feminino e sentímonos honrados por poder colaborar con este campionato. Esperamos que poder contribuír co noso apoio a moitos máis”.

O acto, encabezado polo presidente da RFGF, Rafael Louzán, e o alcalde anfitrión, Alfredo Llano, tamén contou coa presenza do xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero; o responsable da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, e os concelleiros de Deportes de Viveiro e Burela, Emilio Villarmea e Ramiro Fernández, e de Cultura de Foz, Ánxel Paleo; así como outros cargos directivos da federación como Pablo Prieto e Carlos Méndez.

Rafael Louzán abriu a presentación cualificando A Mariña, e especialmente Burela, como “localización idónea para este campionato”: “Esta cita rende homenaxe ás persoas que tanto traballan polo fútbol sala na comarca, co extraordinario labor de Pescados Rubén Burela FS. Estamos colaborando todos; estámonos afanando para que este campionato sexa un verdadeiro éxito: concellos de Burela, Viveiro e Foz, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e a Federación” explicaba o presidente da federación, anunciando a próxima inauguración dunha sede en Burela en instalacións cedidas polo Concello “para achegarnos aos clubs da comarca, pola actividade tan importante de fútbol e fútbol sala”. Manuel Otero, desde a Xunta de Galicia, invitou a todos os que se acheguen á comarca a próxima semana non só a “gozar do espectáculo deportivo senón tamén das marabillas que ofrece A Mariña” e agradeceu aos Concellos a súa contribución como “tres exemplos a seguir pola súa aposta lúdico-deportiva e unha provincia na que o 50% do deporte colectivo de elite é feminino e o fútbol sala o deporte máis practicado”.

Coincidiu en destacar o labor destes municipios Pablo Rivera, apoiado desde a Deputación de Lugo, que tamén anunciou a próxima presentación da I Copa Deputación de Fútbol Sala, como unha mostra máis “para dar o pulo que merece o fútbol sala na provincia”.

Desde Viveiro e Foz congratuláronse de recibir a cita como “unha grande oportunidade de promoción da comarca”. “Todos os visitantes poderán gozar do noso Entroido e, sobre todo, da nosa gastronomía” explicaba o concelleiro Emilio Villarmea. Javier Castiñeira incidiu na importancia das axudas municipais aos clubs “como verdadeiros artífices do crecemento do deporte e de que nosa comarca sexa un referente, con Pescados Rubén como exemplo. Ademais teremos o orgullo de inaugurar o noso pavillón reformado con esta gran cita, esperando intensificar a nosa colaboración en eventos futuros”.

Alfredo Llano despediu a cita sinalando Burela como o “epicentro do fútbol sala e do deporte”, desexando sorte a todas as seleccións e destacando a repercusión turística para a comarca non só do Campionato Sub-17, senón tamén do Campionato de España de Baloncesto Xuvenil de 2017 ou da Volta Ciclista que percorrerá A Mariña este ano.
Documentos relacionados:
149 KB
Calendario Sub17 Febreiro 2018
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores