Noticias
5 de febreiro de 2018
Semana de derbis, con Noia e Copa Galicia no horizonte

O Pescados Rubén Burela FS estrea mañá a competición da semana con cuartos de Copa Galicia nunha semana con arrecendo irmandiño. O conxunto de Juanma Marrube visitará o Noia Portus Apostoli (municipal, 21.00 horas) co ronsel dun novo paso na liga, coa vitoria a domicilio fronte ao Bisontes Castellón (0-2).


“Calquera partido de Copa Xunta é unha final. Sabemos que vai ser un encontro duro e bonito, con todos os alicientes de derbi ao que os dous equipos acudimos sen a presión de estar obrigados a clasificarnos” explicaba o técnico laranxa, Juanma Marrube, incidindo na boa imaxe amosada polo Noia na última xornada ligueira, en Valdepeñas, cun axustadísimo 3-2, e sobre todo no toque de atención co que pecharon a primeira volta na Bomboneira, impoñéndose aos mariñáns, 0-2.



Traxectoria. O 2-9 fronte a Santa Isabel, de Outeiro de Rei, en oitavos deulles o pase aos laranxas; pola súa banda os coruñeses impuxéronse a Valdesuso Peugeot Vilalba FS (0-2).



Os outros protagonistas. Xa teñen o billete para semifinais O Esteo tras impoñerse a Sport Sala Culleredo, o 13 de xaneiro, por 2-5 e O Parrulo con 1-6 a favor fronte a Sala Ourense, o día 26. Pizarras Los Tres Cuñados recibirá o Santiago Futsal o sábado, 10 de febreiro (18.30 horas).



Tarde Laranxa.  Inmerso no grande ambiente do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-17 Feminino que acollerá A Mariña esta semana, Vista Alegre ofrecerá Tarde Laranxa o sábado, con compromiso de Primeira RFEF, ás 16.30 horas, fronte a UA Alicante, e de Segunda LNFS, ás 19.00 horas, con Prone Lugo. A TVG2 será testemuña da dobre cita, na que o Pescados Rubén festexará o Entroido con entrada totalmente gratuíta para todas as persoas que acudan disfrazadas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores