Noticias
10 de febreiro de 2018
Punto importante aínda que con sabor agre
O Pescados Rubén Burela FS rabuñou esta tarde un punto importante na visita do segundo clasificado, UA Alicante, a Vista Alegre cun empate, que tamén deixa un sabor amargo nas filas laranxas, tras recuperarse con porteira xogadora na recta final e encaixar o definitivo 2-2 coa mesma estratexia para as rivais. “Remontamos un partido co 5 para 4, fixemos fronte a un gran equipo que nos esixiu moito, pero tamén perdemos dous puntos en algo que temos moi traballado. Este club está feito para gañar, se queremos optar á liga non podemos ter a medio cadro ao 50%” aseguraba Julio Delgado, fronte á lectura de Marabillas Sansano, que valoraba “un empate xusto, que podía caer de calquera lado”.

As mellores ocasións viviunas Vista Alegre na recta final do primeiro acto. Superado o minuto 15, Dany protagonizou unha gran galopada, tras un balón cortado por Lara, que interceptou Jennifer co brazo, axudada polo pau. Menos dun minuto despois, Tai coouse na portería sen poder cazar o pase cruzado de Lara. Segundos antes, Ana Pino tamén estivo a piques de sorprender as laranxas cunha tentativa desartellado polo traveseiro. Jozi estivo moi atenta para manter o marcador sen alteración ao descanso, sacando unha man baixa ante Paula Morote, a tan só 4 segundos da bucina.


A segunda parte comezou con posesión burelista pero foi a alacantina Ángela Mingot a que atopou portería en xogada de estratexia, tras tentativa de bloqueo local. O Pescados Rubén apostou por darlle ritmo ao encontro en busca do gol, co dinamismo de Dany como baluarte, ante a férrea defensa visitante. A falta de nove minutos Bea Mateos capitaneou o xogo de cinco, con perigo inminente; Cilene executou a mellor das burelistas na segunda parte cunha magnífica intervención de Jennifer.

Non conseguían atopar a celeridade perseguida as de Julio Delgado e Lucas fronte á presión visitante. As de Maravillas Sansano tiveron unha de ouro para ampliar a fenda a falta de 6 minutos a porta baleira dende pista alacantina, co balón rozando o pau. Con cinco minutos aínda por diante Bea Mateos rubricou o empate a pase de Dany. Estalaba Vista Alegre de alegría co 2-1, a falta de 3’45” nunha nova firma de Bea Mateos, tras control de Judith desde Cilene. Contraatacou tamén Alicante con porteira xogadora e igualou a contenda cun disparo de Carmen pola escuadra, con 1’48” aínda en xogo. Outra cita de sobrerrevolucións na recta final na que as laranxas tiveron que revivir en inferioridade coa expulsión por dobre amarela a Judith.


TVG2. O duelo, que se puido seguir a través da web de CRTVG, emitirase mañá en diferido, ás 12.00 horas.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Cami, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Tai, Julia Forsiuk, Lara, Sara Correia, Judith

UA Alicante: Jennifer, Carmen, Elena, Lara Terrés, Ángela Mingot, cinco inicial; tamén xogaron Ana, Paula Morote, Mariángeles, Sara Navalón, Paola

Goles: 0-1, minuto 23, Ángela Mingot; 1-1, minuto 35, Bea Mateos; 2-1, minuto 37, Bea Mateos; 2-2, minuto 39, Carmen

Árbitros: Fernández Becerra / Vieito Regueira (Lugo). Por Burela amarela a Cilene (minuto 29), dobre amarela Judith (minuto 40). Por Alicante amarela a Sara Navalón (minuto 33), Ángela Mingot (minuto 40).

Incidencias: Partido da xornada 17 de Primeira RFEF disputado en Vista Alegre ante uns 500 afeccionados, coa presenza de Pablo Prieto e Javier Cotrofe como representantes da RFGF.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores