Noticias
15 de febreiro de 2018
Dany: 'UCAM preséntase como unha nova oportunidade, a liga está moi aberta'

O Pescados Rubén Burela FS visitará este sábado, na xornada 18ª de Primeira RFEF, o UCAM EP Murcia FSF (pavillón José María Cagigal, 18.00 horas). “UCAM preséntase como unha nova oportunidade; a liga está moi aberta, cada vez máis apertada e interesante, todo é posible. Temos que manter a cabeza tranquila, coa mentalidade positiva, pero sen deixar escapar puntos valiosos, como deixamos o sábado na casa” advertía Dany, incidindo na proximidade entre a cuarta praza galega (38 puntos) e a primeira, do Atlético de Madrid (40 puntos).


As pupilas de Julio Delgado e Lucas non acabaron coas mellores sensacións tras o duelo directo con Universidad de Alicante (2-2) de Vista Alegre, aínda que a derrota das madrileñas fronte a Jimbee Roldán puido apertar máis a clasificación: “Segue sendo 1 punto agridoce por todo o que fixemos en pista, remontando un partido moi complicado. De todos os xeitos, xa cambiamos a forma de pensar para que se vexa reflectido no cambio de dinámica e pelexar pola regularidade, cos tres puntos a domicilio. Logo dun partido moi intenso contra a UA, imos con ganas de intentar de gañar os tres puntos fóra da casa, que é importante” explicaba a 3 burelista.



Con marcador a favor 4-2 na ida nunha cita moi igualada, as laranxas visitan a pista do noveno clasificado (24 puntos), que encadea as derrotas ante Roldán (4-8) e Leganés Masdeporte (2-0). “Será máis difícil, son xogadoras moi novas con ilusión e ganas. Temos que ter paciencia para abrir o marcador ao noso favor e a partir de aí saber administrar o xogo, sobre todo, temos que ter paciencia” adiantaba a brasileira.


A expedición partirá esta noite ás 21.30 horas, con todos os seus efectivos excepto Sofía, lesionada con Galicia no Campionato de España Sub-17 a semana pasada en Burela. A última sesión na casa será esta tarde, ás 17.30 horas; á súa chegada, mañá, as mariñás adestrarán no pavillón Juan Manuel Infante (11.00 horas).


Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 8. Cami, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Tai, 37. Julia Forsiuk


Mirando ao podio. Defendendo a primeira praza, Atlético de Madrid recibirá esta fin de semana o 10º, Leganés. Universidad de Alicante, na segunda posición (39 puntos), tamén exercerá de local, ante o 13º da táboa, Guadalcacín. Jimbee Roldán, como terceiro clasificado (39 puntos), visitará o Penya Esplugues, 8º.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores