Noticias
16 de febreiro de 2018
Defensa da segunda praza ante un Barcelona ferido

O Pescados Rubén Burela FS defenderá a segunda praza (39 puntos) este sábado, na pista dun FC Barcelona B Lassa ferido, que chega á xornada 21 de Segunda LNFS ocupando a quinta posición (36 puntos) con tres derrotas consecutivas. A cita arrincará ás 16.00 horas na Cidade Deportiva Joan Gamper.


“Todo está sendo moi igualado e Barcelona preséntase como outro reto difícil, aínda que creo que chegamos nun bo momento e con ganas de continuar coa boa senda” explicaba Víctor, sen coñecer a derrota desde o inicio da segunda volta, engadindo: "Están nunha dinámica negativa inusual para eles. Eu son dos que pensan que unha senda positiva é difícil de cortar pero unha negativa pode cambiar en calquera momento” advertía o peche madrileño.


O marcador da primeira volta caeu ao lado dos blaugranas, 2-3: “Xa nolo demostraron na ida. É un equipo de xente moi nova, pero con ritmo, xa que moitos deles adestran co equipo de Primeira; son xogadores que queren o balón, que aproveitan as transicións pola velocidade que teñen” explicaba o 4 burelista, incidindo nas claves para a vitoria dos galegos: “Ante todo, nós non debemos conceder ese tipo de ocasións, tendo o xogo máis controlado e aproveitar un pouco nosa veteranía e temperanza no partido”.


“Todos son finais, son partidos a vida ou morte, e máis vendo o rifada que está a clasificación cunha marxe estreitísima de puntos. Temos que seguir sumando de tres en tres e se vén algunha axuda doutra banda, moito mellor. O equipo é consciente diso; estamos onde queriamos e agora non podemos deixalo escapar”, concluía Víctor en vésperas dunha xornada que enfrontará en duelo directo a terceira praza de ElPozo (39 puntos) e a primeira de Valdepeñas (41 puntos).


O conxunto mariñán realizou a última sesión da semana esta mañá, xa en terras catalás. Non forman parte da convocatoria Álex, por unha contusión ósea, nin Pitero, por unha microrrotura fibrilar. Héctor viaxou con molestias.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 14. Pope, 17. Nito, 19. Luismi, 20. Héctor

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores