Noticias
10 de marzo de 2018
Penya Esplugues 1-3 Pescados Rubén
O Pescados Rubén Burela FS conseguiu sacar os tres puntos esta tarde nun partido moi duro na pista do Penya Esplugues Gironella (1-3). Tras o empate 1-1 da primeira parte, o conxunto mariñán conseguiu romper o partido con porteira xogadora e xa coa vantaxe de 1-3 demostrou a solidez defensiva necesaria.

O olfacto de Dany non tardou en atopar a rede, xa no minuto 5. Todo parecía presaxiar un partido cómodo para as filas galegas, con dominio desde o asubío inicial, pero o Penya reaccionou apertando, cunha escuadra burelista á que lle custaba atravesar, unha e outra vez, a primeira liña local. Antes de chegar ao descanso, o Penya topouse co empate, nunha xogada de banda con balón dividido que puido finalizar Riscos.

No minuto 26, Bea Mateos liderou o xogo de cinco para as galegas. E o gol non se fixo esperar; no 27 Lara Balseiro adiantou as laranxas. O 1-2 deulles a serenidade que precisaban as galegas e volveron á liña de catro. Tras o 1-3, de Tai a pase da recentemente chegada Jenny, o Penya apostou por xogo de cinco ante unha boa defensa do Pescados Rubén, que soubo manexar os últimos minutos para aferrarse aos tres puntos.

Vista Alegre con arrecendo irmandiño

A Bomboneira celebrará o primeiro derbi galego de Primeira en 2018. As pupilas de Julio Delgado e Lucas recibirán o Cidade das Burgas o próximo sábado, na xornada 21, con entrada gratuíta (18.30 horas).


Ficha técnica

Penya Esplugues Gironella: Nerea, Estela, Roig, Berta, Zoe, cinco inicial; tamén xogaron Arantxa, Riscos, Laura, Celia, Martita

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Bea Mateos, Tai, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Cami, Jenny

Goles: 0-1, minuto 5, Dany; 1-1, minuto 17, Riscos; 1-2, minuto 27, Lara; 1-3, minuto 31, Tai

Árbitros: Cano Gálvez // Bastidas Morella (Cataluña). Por Burela amarela para Bea Mateos (minuto 2), Jenny (minuto 8)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 de Primeira RFEF disputado no CEM Les Moreras
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores