Noticias
12 de abril de 2018
A pola quinta para reforzarse no podio

O Pescados Rubén Burela FS pelexará este sábado na pista do Soto del Real (18.00 horas) para selar a súa quinta vitoria consecutiva para reforzar o regreso ao podio de Primeira RFEF. As laranxas defenderán a terceira praza, con 54 puntos e empatadas con Universidad de Alicante, ante o antepenúltimo da táboa, con 11. O encontro poderá seguirse en directo a través de www.vpsotodelreal.es.


“Esperamos seguir coa mesma tranquilidade, non incorrer en ansiedades innecesarias, en erros infantís que nos poden custar moi caro. É un rival que está en descenso, pero esa situación non debe confundirnos” explicaba Dany, unha das máximas artilleiras do conxunto galego, con 19 dianas por detrás de Cilene, con 25. “A nosa imaxe debe ser a dun equipo que quere ser campión, que está loitando partido tras partido e sendo conscientes de que calquera erro é unha porta aberta para que o partido escape. Por iso a paciencia será a clave para saber actuar ante este rival” advertía a 3 laranxa ante un Soto que non puido puntuar desde a xornada 18, con 2-3 fronte a Cádiz.


A semana de adestramentos poñerá o broche mañá ás 11.30 en Marzán:”Está sendo unha semana máis, de moitas ganas, con traballo intenso, pensando en que nos medimos a un rival da zona baixa e iso faino máis perigoso” puntualizaba a brasileira, fuxindo de falsas confianzas e facendo un bo balance da tempada, coa súa habitual autoesixencia: “Estou ben, con ganas de traballar; estou satisfeita porque os resultados están avalando o equipo pero creo que podo e espero contribuír con máis”.


A expedición mariñá partirá con rumbo ao destino da xornada 24 o sábado pola mañá, coas ausencias de Julia Forsiuk, concentrada ata o día 19 coa Selección de Ucraína en Irán, e Bea Mateos, que cumprirá un partido de sanción pola tarxeta vermella recibida fronte a Móstoles a semana pasada.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores