Noticias
13 de abril de 2018
Mata e Álex volven á convocatoria para Mengíbar

O Pescados Rubén Burela FS ao completo afrontará a antepenúltima cita da competición regular de Segunda LNFS en busca dun gran soño, na pista do Software DELSOL Mengíbar (18.30 horas, Sebastián Moya Lorca). O 10 laranxa, Jorge Valhermoso Matamoros, que se reincorporou á dinámica de grupo a semana pasada logo de superar a súa enfermidade, regresa á lista de Juanma Marrube. A convocatoria para o penúltimo desprazamento da liga complétase con outro regreso, o do meta Álex, intervido dun xeonllo a mediados de marzo.


“Atópome con moitas ganas e ilusión. Logo de catro meses e medio afastado das canchas estou impaciente por empezar xa e gozar do que tanto me gusta, do fútbol sala, e co equipo. Volvo máis ilusionado ca nunca para dar o último arreón á liga” aseguraba o pivote mariñán, cunha mirada resplandecente chea de enerxía, vitalidade e optimismo, que quixo agradecer o apoio recibido neste tempo, coa bisbarra da Mariña afanada e todo o fútbol sala español: “Sentín un gran agarimo de toda a xente durante estes meses que foron duros para min. Estou moi agradecido con todos, pero sobre todo á miña familia e ao club porque me sentín moi arroupado e querido desde o primeiro día. Todas esas mostras déronme forzas para levar isto mellor”.


Desde a cuarta praza, 51 puntos, o Pescados Rubén Burela pelexará por manter o privilexio de play off e seguir á espreita do liderado de Valdepeñas (55 puntos), que se mide nesta xornada ao quinto clasificado, UMA Antequera (48 puntos). Mengíbar espera aos pupilos de Juanma Marrube na décima praza (36 puntos), un rival que recolleu vitorias moi importantes contra equipos da zona alta, con dous triunfos ante o actual líder (2-3 e 6-4) e fronte a Rivas (2-4) na segunda volta. Desde o empate en Antequera (2-2), non puido puntuar nas dúas últimas citas, con Puertollano e Manzanares. Mata fai un bo balance da tempada sen perder de pista a primeira praza: “Estamos nunha situación moi boa, que asinariamos a principios de tempada. Temos un partido complicado contra Mengíbar. Vai ser moi difícil puntuar alí, pero temos o obxectivo por diante de gañar estes tres partidos que nos quedan, sabendo que vai ser moi complicado” concluía pletórico o 10 burelista.


A expedición burelista, que partiu onte pola noite cara a Mengíbar, pechou a preparación da semana xa no seu destino, cun adestramento programado para as 11.00 horas.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 20. Héctor

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores