Noticias
26 de abril de 2018
O Pescados Rubén pecha a liga cun derbi irmandiño de contrastes en Noia

O Pescados Rubén Burela FS pechará a liga regular o sábado cun duelo irmandiño de contrastes. Os laranxas defenderán o liderado de play off, con vantaxe de 1 punto sobre Puertollano, na pista do descendido Noia Portus Apostoli; será en horario unificado, ás 18.00 horas.


 “Estamos contentos por chegar a esta última xornada co primeiro posto de play off. Imos intentar defendelo ante un rival que en Vista Alegre xa nos venceu; está nunha situación difícil pero sabemos que vai loitar coma en calquera outro partido” explicaba un dos mozos mariñáns, o viveirense Sergio Cora, facendo alusión ao 0-2 en contra da primeira volta. O ala espera unha última xornada de liga, co aliciente de derbi, nada doada: “Será un partido duro, difícil, eles non se van vir abaixo; os derbis sempre motivan, a calquera xogador lle gustan. Non podemos confiarnos porque eles quererán despedir a tempada, coa súa afección, o mellor posible” advertía o 11 burelista, repasando o traballo da semana: “Juanma, coma dende o comezo, estivo facendo moito fincapé en que non paremos nos pasillos o balón e en xogar rápido e con decisión”.


Á espreita do Pescados Rubén (52 puntos), o Puertollano (51) visitará a pista de ElPozo Murcia FS.


O Esteo, en semifinais de Copa Galicia


Sen case descanso, o luns os pupilos de Juanma Marrube porán rumbo á fase final de Copa Galicia en Ferrol. Precisamente a vitoria fronte ao Noia (2-5) outorgoulles aos laranxas o billete para a semifinal, co Esteo FS (A Malata, 19.00 horas), de Segunda B, como rival: “Non podemos confiarnos pola diferenza de categoría, imos coa mentalidade de que vai ser un partido tamén complicado” incidía Sergio Cora, dun rival co que xa se viron as caras en pretempada con 0-3 para os da Mariña.


O Parrulo FS e Santiago Futsal, que sentenciou a semana pasada o descenso de Primeira, protagonizarán a outra semifinal (21.15 horas): “Non pensamos no rival, vai ser outra semifinal moi disputada. Só desexo que pase o mellor e se nós temos a oportunidade de pelexar na final –martes 1, 18.00 horas-, aí estaremos para competir ao máximo para conseguir esa primeira Copa Galicia Masculina para o club” adiantaba o viveirense, dunha competición na que tamén poderá gozar sobre a pista a base do Pescados Rubén Burela FS, coa I Minicopa Galicia Infantil o martes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores