Noticias
30 de abril de 2018
O Pescados Rubén, primeiro finalista de Copa Galicia, cunha vitoria contundente ante O Esteo (7-0)
O Pescados Rubén Burela FS gañou o primeiro billete para a final da XXVII Copa Galicia esta tarde na Malata cunha vitoria contundente sobre O Esteo FS (7-0). TVG2 será testemuña da loita polo título mañá a partir das 18.00 horas, fronte ao Santiago Futsal que se impuxo ao Parrulo FS 7-4 na segunda semifinal.


Renato protagonizou a primeira chegada con perigo, no minuto 3, freada in extremis por Martín, ao segundo pau. O Esteo intentou sorprender a balón parado acto seguido, con boa resposta de Álex, e máis tarde cun disparo cruzado de Martín. Porfiou coa súa batuta dominadora o cadro de Juanma Marrube ante a férrea defensa do Esteo ata que Héctor atopou a fenda para o 1-0, no minuto 8, nun lanzamento escorado recibindo ao bordo da área. Superado o ecuador da primeira parte, a maxia de Matamoros rubricou o 2-0 cunha recuperación na pista visitante que non atopou resistencia; antes Renato, cun par de mísiles, e Chus, de cabeza, xa puxeran a proba a rede rival.


As ocasións máis claras para os de Javier López tívoas Martín, no 16, ante un correctísimo Álex, e máis tarde, nun dobre penalti que marchou desviado. Cun Esteo máis voraz nos últimos metros, o meta laranxa mantivo a portería a 0, por partida dobre, fronte a Héctor Corgo, tras roubo a Víctor nas proximidades da área burelista.



A punto estivo de chegar Pope ao pase de Chus antes de cumprirse o primeiro minuto do reinicio. O 14 laranxa, de novo, case sorprende a Javichu, no 22, nunha meteórica chegada, pero foi o viveirense Cora o encargado de subir o 3-0, no 24, nunha boa xogada de equipo, con tan só uns segundos de resistencia para o 4-0, desta vez si, asinado por Pope. Saíu a por todas O Esteo con xogo de cinco no 27, despois de dúas chegadas con moito perigo de Pana, pero o Burela aproveitou a porta baleira, co sempre brillante Mata, para anotar o quinto, que Javichu desartellara fronte ao 10 laranxa, pouco antes. O 6-0 chegou no 31, nun lanzamento de Renato dende a pista mariñá, que tentou frear Gerardo, sen éxito, enfundado na camisola de porteiro xogador. A defensa do Esteo, con Dani en última instancia, nada puido facer para evitar o 7-0, nunha contra finalizada por Colacha, no 35.


I Minicopa Galicia Infantil

O equipo de Mario Pillado inaugurará a I Minicopa mañá as 10.00 horas na Malata fronte ao Esteo FS. A base ferrolá e santiaguesa medirán forzas ás 11.30 horas. O título infantil decidirase ás 16.00 horas como antesala do duelo sénior.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Chus, Cora, Renato, Pope, cinco inicial; también jugaron Hélder, Víctor, Colacha, Héctor, Matamoros, Adilson

O Esteos FS: Javichu, Martín, Héctor Corgo, Pana, Rober Paz, cinco inicial; también jugaron Iván Gago, Gerardo, Ayalita, Dani, Jesús

Goles: 1-0, minuto 8, Héctor; 2-0, minuto 11, Matamoros; 3-0, minuto 24, Cora; 4-0, minuto 24, Pope; 5-0, minuto 28, Matamoros; 6-0, minuto 31, Renato; 7-0, minuto 35, Colacha

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Burela amarela para Héctor (minuto 17). Polo Esteo amarela a Rober Paz (minuto 19), Dani (minuto 20), Pana (minuto 22)

Incidencias: Primeira semifinal de XXVII Copa Galiciade Ferrol disputado na Malata ante preto de 1000 espectadores/as.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores