Noticias
9 de maio de 2018
Homenaxe do Concello de Burela aos campións galegos
O Concello de Burela rendeu homenaxe esta mañá ao Pescados Rubén Burela FS de Segunda LNFS, como campión da XXVII Copa Galicia Masculina da RFGF. Xogadores e corpo técnico foron recibidos polo alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, coa presenza ademais do presidente laranxa, Manuel Blanco, a vicepresidenta, Cesarina Fanego, e o directivo Rubén Blanco.

Alfredo Llano deulle a noraboa ao equipo. “Sodes un orgullo para Burela. Este título supón un excelente paso adiante de cara ao play off; con el demostrades o gran nivel que hai para poder ascender e volver a Primeira. Burela está situada en moitos mapas grazas a vós, á directiva e aos patrocinadores que fan posible todo o traballo que hai detrás” valoraba o alcalde burelao, antes de facer entrega dunha placa conmemorativa e de detalles individuais pola primeira Copa Galicia Masculina que loce no palmarés da entidade laranxa.

Manuel Blanco agradeceu o recoñecemento do consistorio no nome de todo o club e animou o cadro de Juanma Marrube neste gran momento que se aproxima, o play off, que arrincará o venres en Sevilla: “A Copa Galicia non é máis que o froito do traballo de todos estes meses, nun equipo no que a xuventude e a veteranía se acoplan á perfección. Temos por diante un play off moi difícil, pero estamos aí. Estamos moi preto, pero tamén moi lonxe; só vos pido o traballo, dedicación e ilusión que levades mostrando toda a tempada”, concluía o dirixente burelista.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores