Noticias
10 de maio de 2018
APOSTA POLA IDENTIDADE LARANXA. E se apuntamos ao Sol?

“Aposto por uns xogadores que se mostren coma ao longo da liga, por xogar ao que adestramos, por ser fieis á nosa idea e á nosa identidade. Sobre isto creo que temos moitas posibilidades de vir cos deberes feitos de Sevilla”, aseguraba Juanma Marrube antes de viaxar a terras andaluzas para medirse mañá ao Real Betis Futsal no encontro inaugural da primeira eliminatoria de play off (Amate, 21.00 horas), que poderá seguirse en directo en www.lnfsdirecto.es.


“Estamos tranquilos, concienciados do reto que se presenta por diante e sobre todo sabendo que fixemos os deberes, cunha tempada regular moi boa. Agora xulgaranos un partido crucial, nunha fase determinante, pero sempre sendo fieis ás premisas que nos conduciron ata aquí: a tranquilidade, a orde e a claridade no xogo. Así nos enfrontamos a Sevilla” confesaba o técnico burelista as sensacións do equipo, incidindo nas armas que fixeron posible catapultar o cadro laranxa ao cumio pola loita de play off: “Temos que manter os nosos sinais de identidade, a fortaleza de equipo, os números así o demostran” advertía Juanma Marrube, á fronte da escuadra menos goleada de Segunda Divisón cunha boa traxectoria a domicilio.


Verase as caras co sétimo da táboa, que encadeou unha excelente recta final para conseguir a clasificación, cunha gran solidez como local: “Un Betis moi concienciado de que ten que gañar, co apoio da súa casa, onde os números tamén o avalan. Espero un pavillón cheo. Para eles será unha final, creo que para eles a eliminatoria pasa por gañar en Amate; para nós tamén é importante aínda que dende a serenidade, así que talvez poidamos xogar coa súa maior ansiedade neste partido” puntualizaba o Mariskal.


Amate quedou en táboas e Vista Alegre caeu a favor (1-2) dos andaluces, a finais de abril, nunha cita na que os mariñáns tiveron que pelexar contra as adversidades de dúas expulsións: “Agora a fase regular non serve; a liga outorgounos unha posición, pero agora entran en xogo outros detalles. Creo que o factor mental vai ser determinante, a fortaleza que demostre o equipo nos momentos en que o partido se rompa” advertía Juanma, recoñecendo o ton especial do envite por volver atoparse con vellos compañeiros: “Jorge e Chano teñen moita representación no equipo, xunto con Raúl Gómez ou Rubén Cornejo. Coa chegada de Daniel Ibañes, o equipo mostrou máis solidez e regularidade. Este novo reencontro é un aliciente máis do especial que será o partido”.


O conxunto realizou a úlitma sesión da semana en Amate, esta tarde, ás 18.00 horas.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 17. Nito, 20. Héctor

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores