Noticias
12 de maio de 2018
Un Pescados Rubén letal ante Leganés (8-3)
O Pescados Rubén retomou a liga con forza, cunha vitoria letal na visita do Leganés Masdeporte a Vista Alegre (8-3). Tras un gol meteórico nos compases iniciais e vantaxe de 3-1 ao descanso, as laranxas ampliaron a fenda no segundo acto, de novo cun comezo irresistible.

Entrou en tromba o conxunto da Mariña, con diana de Julia Forsiuk aos 19 segundos de xogo. Intentouno Cilene, de falta, pouco despois. O Leganés, non se apoucou; na súa primeira chegada á rede de Ana Romero, no minuto 4, o largueiro evitou o empate caendo sobre a liña de meta, en tentativa de Bea Torija. Tras dobre tentativa de Puche, coa meta laranxa e Tai como obstáculo, no 7, Sandra sacou un pé prodixioso para frear a Lara tan só un minuto despois, asistida por Tai. O Leganés conseguiu a igualada cun rexeite de Ampi ante Ana Romero no 9. Aínda celebraban as madrileñas o empate, cando reapareceu a avalancha de Pescados Rubén, que en 33 segundos ampliou a vantaxe con Bea Mateos, moi atenta para cazar o lanzamento de Dany que pegou no pau, e Cilene. Volveu o partido á calma, seguindo o control local, con axexo constante. Nos últimos compases do primeiro período, Tai estivo a piques de subir o cuarto burelista, en diagonal de Julia Forsiuk.


As de Julio Delgado e Lucas volveron á carga tras o descanso. De novo antes de cumprirse o primeiro minuto, o ataque letal burelista atopou recompensa, con Bea Mateos, e case sen tempo de reacción nas filas visitantes, a maxia da pichichi laranxa, de Cilene, subiu o quinto. Leganés respondeu con porteira-xogadora ante a asfixiante presión das mariñás. Jenny ampliou o festival de goles no 27, cun mísil desde fóra da área, con toque de Judith, no 31, ao segundo pau nunha gran combinación. No 34, repetición do guión. Á fenda atopada por Lucía ante Jozi para o 7-2, respondeu Pescadso Rubén sen contemplacións, co oitavo, nun man a man de Jenny fronte Sandra. Leganés, nun gran sobreesforzo e sufrindo, non baixou os brazos e atopou de novo diana coa xuvenil Lucía, co definitivo (8-3) aínda que as locais aínda dispuxeron de perigosas ocasións a porta baleira.

Ficha técnica

Pescados Ruben Burela FS: Ana Romero, Cilene, Jenny, Bea Mateos, Julia Forsiuk, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Tai, Lara, Sara Correia, Judith, Cris, Jozi

Leganés Masdeporte: Sandra, Patri Montilla, Laura Uña, Mali, Bea Torija, cinco inicial; tamén xogaron Saki, Puche, Ampi, Lucía

Goles: 1-0, minuto 1, Julia Forsiuk; 1-1, minuto 9, Ampi; 2-1, minuto 10, Bea Mateos; 3-1, minuto 10, Cilene; 4-1, minuto 21, Bea Mateos; 5-1, minuto 22, Cilene; 6-1, minuto 27, Jenny; 7-1, minuto 31, Judith; 7-2, minuto 34, Lucía; 8-2, minuto 34, Jenny; 8-3, minuto 36, Lucía

Árbitros: Cueto Rodríguez // Vanegas Betancourt (Asturias). Por Leganés amarela a Patri Montilla.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante unhas 600 persoas. A Bomboneira rendeu homenaxe ao equipo cadete burelista, polo título de campión de Liga Autonómica Galega Grupo Norte.





Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores