Noticias
19 de maio de 2018
Grazas por facernos soñar
Pechamos a tempada cun “equipo con alma, que medrou e conseguiu forxar un novo Pescados Rubén Burela FS?. Así definía Juanma Marrube os seus pupilos, a un grupo de moita xuventude, con toques de veteranía, que se despide do play off a Primeira, tras un apaixonante partido ao que o Real Betis Futsal se aferrou na prórroga (4-6). Os laranxas, que levaron a iniciativa no marcador ata a recta final e fixeron estalar Vista Alegre co 4-4 a 90 centésimas de finalizar o tempo regulamentario, non puideron neutralizar as táboas dos andaluces.

Soubo como frear Burela as mellores ocasións dos andaluces e aproveitou a contundencia de Matamoros nun dobre penalti a falta de 1’54” para o descanso, pero un vello coñecido, Chano, equilibrou de novo o electrónico en só 30 segundos.

Saíu con máis perigo o cadro de Juanma Marrube, co tándem Hélder-Colacha no 22, co menciano coándose na portería, e Renato, no 23, repelido polo pau. Edu tamén mantivo as táboas podo despois fronte ao mísil de Chano. Fíxose esperar, pero Víctor adiantou de novo os laranxas no 28, cun disparo afastado, e Mata selou o 3-1 para desenfreo da Bancada Laranxa, no 31, desde saque de esquina de Héctor. Recuperou o empate o conxunto andaluz en dous minutos apostando por xogo de cinco, con Raúl Gómez; Bermusell, no 32 e 34, conseguiu atopar a rede en senllas pelexas de rexeites sobre a liña de meta de Edu. Entre elas, Víctor había ter o cuarto nunha recuperación en media pista.

A falta de 1’55” para a bucina final, o Betis adiantouse por primeira vez na cita, cun disparo afastado de Raúl Gómez. Enfundouse entón Matamoros na camisola azul para liderar o xogo de cinco. Raúl Jiménez sacou o empate de Víctor no último minuto. Paseouse un par de veces o esférico e a tan só 90 centésimas os pupilos de Juanma Marrube fixeron revivir con forza o soño, con Héctor, con 4-4.


Tempo de prórroga

Bermusell volveu darlles vantaxe aos béticos no 42, nunha rápida contra tras córner dos galegos. Pouco despois, Edu freou a Rubén Cornejo tras un desaxuste en saque de banda dos burelistas. No 44, o máxico 10 laranxa volveu saír como porteiro xogador para ir a por o partido. A falta de 1’20” Vista Alegre vibrou co 5-5 de novo nas zapatillas de Héctor, pegado ao segundo pau, pero non entrou. E chegou o mazazo do 4-6, de Raúl Gómez desde a banda.


Homenaxe ao campión de Liga de División de Honor Xuvenil

Antes do encontro, Vista Alegre rendeu homenaxe ao conxunto xuvenil, como campión de Liga de División de Honor. Os pupilos de Christian Fustes, que recibiron un pequeno agasallo de mans do presidente, Manuel Blanco, partiron esta noite con rumbo a cuartos de Copa de España en Murcia, prevista para o domingo 20 (12.00 horas) na pista do Aljucer-ElPozo FS.

Trofeo Viceroy ao Mellor Xogador

O pivote logroñés Luís Martínez Somalo, Luisma, foi recoñecido co Trofeo Viceroy ao Mellor Xogador da tempada 2017-18, coa valoración xornada a xornada de profesionais, prensa e afección. O 6 burelista recibiu como premio un reloxo Viceroy de mans do xerente de Kessarys Joyeros, Jorge Orosa, acompañado por Manuel Blanco.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Hélder, Renato, Pope, Héctor, cinco inicial; tamén xogaron Colacha, Víctor, Matamoros, Chus, Luisma,

Real Betis Futsal: Raúl Jiménez, Eric, Jaime Migo, Bermusell, Aarón, cinco inicial; tamén xogaron Chano, Bellvert, Raúl Gómez, Rubén Cornejo, Ivi

Goles: 1-0, minuto 19, Matamoros (d.p.); 1-1, minuto 19, Chano; 2-1, minuto 28, Víctor; 3-1, minuto 31, Matamoros; 3-2, minuto 32, Bermusell; 3-3, minuto 34, Bermusell; 3-4, minuto 39, Raúl Gómez; 4-4, minuto 40, Héctor; 4-5, minuto 42, Bermusell; 4-6, minuto 45, Raúl Gómez

Árbitros: Montero Galán // Navarro Rodríguez Villanueva (Castilla e León). Por Burela amarela a Héctor (minuto 12), Luisma (minuto 14), Matamoros (minuto 46), Colacha, Hélder, Renato; vermella a Luisma (minuto 46). Por Betis amarela a Aarón (minuto 11), Bellvert (minuto 14), Eric (minuto 30); vermella a Migo (minuto 46)

Incidencias: Segundo partido da primeira eliminatoria de play off de ascenso a Primeira LNFS disputado en Vista Alegre ante unhas 1200 persoas, coa presenza Pablo Prieto, responsable de fútbol sala da Real Federación Galega de Fútbol, así como o alcalde de Burela, Alfredo Llano; o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Ben, entre outras autoridades. O Pescados Rubén Burela FS ofreceu o trofeo de XXVII Copa Galicia á Bancada Laranxa.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores