Noticias
31 de maio de 2018
E se somos campioas? Todo é posible

Este sábado, en plenas Festas Patronais, o Pescados Rubén Burela FS recibirá o AD Alcorcón FSF mantendo as opcións de liga na última xornada. Tan só 1 punto separa a cuarta praza laranxa do triplo empate entre Atlético Navalcarnero, Universidad de Alicante e Jimbee Roldán, e de todo pode pasar. Vista Alegre acollerá a cita en horario unificado, a partir das 18.00 horas.


“É unha semana de sensacións enfrontadas porque estamos a 1 punto, pero só a falta dunha xornada” explicaba o técnico Julio Delgado, ante o desenlace dunha liga histórica, máis rifado ca nunca: “Pode pasar calquera cousa, enfróntanse segundo contra terceiro -UA e Roldán- e o Futsi ten un derbi -con Soto del Real-. Non pensabamos que se ían dar os empates da semana pasada, pero o fútbol sala está moi igualado ultimamente e seguiremos loitando aí ata o final” advertía o adestrador burelista, recoñecendo que non puidese imaxinar un final máis emocionante da tempada: “Era impensable. Catro equipos con diferenza de 1 punto, tres deles empatados. Esta parecía que ía ser máis igualada pero chegar así á última xornada é o máis bonito e é a mellor demostración de que os equipos medraron”.


Un Pescados Rubén diferente


Na ida o marcador foi para as madrileñas (6-1). Un Pescados Rubén máis formado espera defender os tres últimos puntos en xogo fronte ao quinto na táboa: “Realizamos unha segunda volta bastante completa, a incorporación de Cami e Jenny veunos moi ben. Foi un ano difícil porque construiamos un equipo novo practicamente, dabamos un salto de calidade en relación coa tempada anterior e tiñamos que demostralo. En canto a puntos fixemos un bo ano en liñas xerais” valoraba Julio Delgado.


Pensando en liga, pero tamén en Copa


Vista Alegre prepárase para unha das grandes citas: “Xuntaranse moitos factores: último partido de liga; despedida da tempada ante a nosa afección, que se porta de marabilla e máis aínda este ano, cun cheo tremendo en moitos encontros; as opcións de pelexar aínda pola liga, haberá outros partidos en xogo dos que dependemos, e que nos medimos a un posible rival para a próxima semana na Copa de España. Todo isto fai do sábado un partido test 100% no que teremos que dar todo o mellor para demostrar que imos ir primeiro a pola Liga e, sobre todo, a pola Copa” advertía o burelista.


Un gran ano


Independentemente do que ocorra o sábado, o conxunto mariñá pechará a competición co orgullo de Julio Delgado: “Adestrar este equipo é unha gran experiencia, estou moi orgulloso, faime medrar moito. Foi un ano difícil; o idioma restounos moito, a comunicación foi complicada, pero ao final quedo con que estiven nun grupo de mulleres que o deron todo, que sufriron comigo, que coñecen a miña esixencia e aínda así seguen ao meu lado. Espero que as xogadoras acaben a tempada tan contentas coma min de estar loitando ata o final” concluía Julio Delgado.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores