Noticias
7 de xuño de 2018
Vista Alegre acollerá a Copa Galega Xuvenil esta fin de semana
O pavillón Vista Alegre será escenario esta fin de semana a Copa Galega Xuvenil (9-10 de xuño) baixo a organización da Real Federación Galega de Fútbol e o Pescados Rubén Burela FS e coa colaboración do Concello de Burela e Pescados Rubén. O salón de plenos do consistorio burelao acolleu esta mañá a presentación da cita, coa presenza do responsable de Fútbol Sala da RFGF en Lugo, Iván Pico, o vicepresidente laranxa, José Luis Sáez, e o director da Escola, Alfonso Mera, xunto ao alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.

“É sempre un pracer e unha satisfacción para nós recibir este tipo de eventos deportivos, que é unha garantía de éxito pola incondicional entrega da afección, nun deporte de moita tradición. Esta Copa é unha mostra máis da aposta do Concello polo deporte; queremos que o deporte sexa sempre protagonista en Burela” explicaba Alfredo Llano agardando o mellor para a cita que reúne os catro primeiros clasificados da Liga Autonómica Xuvenil na vila mariñá entre o sábado e o domingo.

Desde a RFGF Iván Pico agradeceu a colaboración do Concello de Burela e do Pescados Rubén Burela FS: “Sempre que lles presentamos a posibilidade de organizar algún evento ambos os dous nos abren as súas portas de par en par, como xa ocorreu noutras ocasións nesta tempada, como el Campionato de España de Seleccións Autonómicas Femininas Sub-17. Burela é un referente no fútbol sala e pola nosa parte seguiremos contando con esta vila para futuros eventos” valoraba o representante da RFGF en Lugo, desexando a Prone Lugo FS, Academia Red Blue 5Coruña FS, Pescados Rubén Burela FS e Concello de Begonte unha boa participación e que gocen de Burela e da bisbarra da Mariña.

José Luis Sáez tamén tivo palabras de gratitude: “Sempre nos sentimos arroupados polo Concello cando decidimos acoller algún evento e tamén pola RFGF, que sempre conta con nós, na organización deste tipo de competicións, do máis alto nivel no fútbol sala galego” desexando sorte a todos os equipos “nunha fin de semana na que teremos o corazón e a vista divididos, entre a Copa de España Feminina en Cádiz e a Copa Xuvenil aquí”.

Horarios

A cita arrincará o sábado ás 16.30 horas co enfrontamento entre o Prone Lugo FS, campión de Liga Autonómica, e o Concello de Begonte FS, cuarto clasificado. Ás 18.30 horas, será a quenda dos anfitrións laranxas, coa terceira praza, e Academia Red Blue 5Coruña FS. A final decidirase o domingo, ás 18.00 horas, entre os gañadores das semifinais.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores