Noticias
7 de xuño de 2018
O actual campión, primeiro obstáculo do Pescados Rubén en Cádiz

O Pescados Rubén Burela FS estrearase na Copa de España Cádiz 2018 mañá en cuartos de final con festa galega, fronte ao actual campión, Ourense, ás 17.30 horas, na terceira cita da xornada. O Complexo Deportivo Cidade de Cádiz acollerá a cita e todos os encontros serán emitidos en directo por Onda Cádiz Televisión.


“Foi un ano de moito traballo, foi un gran ano e queremos pechalo cun título. O noso obxectivo é traer a Copa sexa como sexa” advertía a viveirense Lara Balseiro. “Creo que pode ser un título propicio; despois de todos os cambios que tivemos, agora, a final de tempada, o equipo está moito máis compenetrado e creo que chegamos preparadas para loitar por todo” confesaba con ilusión a 10 laranxa.


Os números recentes avalan o Pescados Rubén en cuartos, aínda que Lara non se confía. “Esta tempada conseguimos gañar nos tres partidos que nos medimos, os 2 de liga e o de Copa Galicia, pero foi pola mínima. Será outro partido moi igualado, coma sempre, co Ourense, que se decidirá por detalles porque nos coñecemos moi ben”, advertía a mariñá incidindo na solidez das ourensás: “É un cadro que leva traballando xunto anos, con xogadoras con experiencia, pero tamén individualidades con calidade, e xuventude, como Luci, coa súa participación como internacional”.


Así agarda Lara Balseiro o envite de mañá: “Ourense leva tempo preparando a Copa. Creo que irá a defender en media pista; a  súa proposta de inicio de liga, presionando, sería moito desgaste para tres partidos. O ano pasado apostou pola defensa en media pista e saíulle ben; quedou campión” reflexionaba a laranxa.


Sen cartel de favorito


“O nivel táctico marcará moitos resultados o venres, pero o aspecto físico vai ser determinante para chegar á final ou conseguir o título” puntualizaba Lara, facendo referencia a equipos como Ourense ou Alcorcón, que pola súa posición na táboa tiveron máis tempo para prepararse especificamente para a Copa, fronte aos que estaban na pelexa pola liga. Non entanto, a 10 burelista non cre a ninguén con máis posibilidades: “Non sabería dicir un claro favorito. En liga xa se deron todo tipo de resultados nos enfrontamentos que se verán en cuartos”.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Tai, 37. Julia Forsiuk



CUARTOS DE FINAL – 8 DE XUÑO



Partido A 10:00 horas At. Navalcarnero – Poio Pescamar
Partido B 12:00 horas Universidad de Alicante – AD Alcorcón
Partido C 17:30 horas Pescados Rubén Buirela – Ourense Envialia
Partido D 19:30 horas Cádiz – Jimbee Roldán



SEMIFINAIS - Sábado 9 de xuño
10:00 horas Gañador A – Gañador B
12:00 horas Gañador C – Gañador D


FINAL Domingo 10 de xuño – 11:00 horas

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores