Noticias
2 de agosto de 2018
Arranque de pretempada para os de Juanma Marrube
O Pescados Rubén Burela FS de Segunda LNFS arrincou onte a pretempada, con 7 novidades. Xunto a Edu, Luisma, Matamoros, Renato, Pope e Hélder, comezaron a adestrar Lucho e Vargas, dende o Levante UD, Iago Míguez, de Catgas Energía, Porto, do Prone Lugo, Juanfran, de Naturpellet Segovia, e Imanol, de Jaén Paraíso Interior, ademais de Pitero, que se suma ao proxecto laranxa dende a base. Con eles compartirá tamén estas semanas iniciais o xuvenil Néstor Valle, Nito.

Xogadores e corpo técnico tiveron a reunión de inicio de pretempada pola mañá na sede laranxa. Ás 17.30 horas, Vista Alegre recibiunos para o primeiro adestramento, cun pequeno percorrido tamén pola contorna do Monte Castelo.

O conxunto de Juanma Marrube completará esta semana con dobre sesión hoxe e mañá, na Bomboneira, pero tamén estrearán A Marosa. O sábado, tras o adestramento matutino, tamén terán tempo para gozar da Feira do Bonito.

Citas confirmadas

Xunto ao Torneo Burela Bonita, que se celebrará en Vista Alegre o 31 de agosto e 1 de setembro, con Palma, Santiago, Noia e Pescados Rubén, o conxunto laranxa tamén inaugurará a Copa Galicia nesta pretempada, antes do comezo ligueiro. Os mariñáns coñeceron onte o rival de dezaseisavos; será o Ribeira FS, de Terceira; a eliminatoria será a partido único, lonxe de Vista Alegre, e terá que disputarse entre o 9 de agosto e o 15 de setembro, data prevista para o inicio de liga de Segunda LNFS, coa visita de Gran Canaria FS.


Axenda feminina. O conxunto de Primeira RFEF, que comezará os adestramentos de pretempada o luns 20 de agosto, tamén coñece o calendario inicial de Copa Galicia. O Pescados Rubén Burela FS compartirá o Grupo 1 con Fisober e Valdetires, representantes de Segunda División, con prazo de resolver a primeira rolda entre o 15 de agosto e o 30 de decembro.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores