Noticias
7 de agosto de 2018
Iago Míguez: 'Volvo con ilusión e ambición de conseguir algo grande para o meu club e a miña casa'
O ala burelao Iago Míguez Expósito estivo arroupado polo presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, na súa presentación oficial esta semana: “Son o xogador que todo o mundo recorda, pero sen dúbida volvo con moita ilusión e máis ambición se cabe para facer algo grande para o meu club e a miña casa, e sobre todo querendo gozar dun ano bo para todos”, explicaba o 5 mariñán no regreso á Familia Laranxa, tras a súa tempada no Catgas Energía, de Primeira.

Nesta nova etapa, Iago volve atoparse non só con Juanma Marrube, co compartiu pista, senón tamén con Matamoros, Hélder ou Renato: “Vexo un grupo que o ano anterior que fixo unha tempada incrible. Hai unha base moi boa de traballo; con esa base á que nos sumamos as incorporacións estamos a facer un cadro moi bo, con ilusión por todo”.

O conxunto xa leva seis días de pretempada: “Estamos a traballar moitísimo, con varias sesións ao día, é tan duro como recordaba, pero os xogadores estamos moi implicados en todas as tarefas que nos está marcando o corpo técnico” aseguraba o burelao.

Movistar, rival en Marín

Paseniño, o Pescados Rubén Burela FS vai coñecendo as probas de pretempada. O sábado 18, disputará o Torneo Marín fronte a nada máis e nada menos ca o Movistar Inter (A Raña, 19,30 horas): “Sendo un dos mellores equipos do mundo, por non dicir o mellor, sabemos que vai ser un encontro moi duro. É unha proba boa para nós; despois de dúas semanas de pretempada vai ser un bo test para seguir mellorando”, explicaba o ala.


Anhelo de Vista Alegre

Iago Míguez devece por volver pisar Vista Alegre diante da Bancada Laranxa. “Seguín o equipo todo o ano. En partidos como o play off con Betis e outros televisados, eu tamén quería estar na pista, sen dúbida. Estou desexando que chegue o momento de volver disfrutar coa miña xente, veciños, amigos, familia... Vestir a camisola laranxa e representar a miña vila é moi especial para min e de moito orgullo”, dicía con emoción o 5 laranxa, que poderá cumprir o seu desexo no III Torneo Burela Bonita (31 de agosto e 1 de setembro) xunto a Palma Futsal, Santiago Futsal e Noia Portus Apostoli, unha cita que incluirá competición xuvenil tamén con insulares, composteláns, burelaos e a EDM Guitiriz.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores