Noticias
20 de agosto de 2018
Hélder: 'Todos temos moita ilusión neste proxecto'
Esta será a cuarta tempada de Hélder Gonçalves Semedo como sénior burelista, unha das Xoias Laranxas que está medrando co Pescados Rubén Burela FS. “Oxalá poidamos ascender. Temos moi boa base e todos temos moita ilusión depositada neste proxecto, non só de ascender senón de poder pelexar por ser campións” aseguraba o 30 mariñán con brillo nos ollos, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o directivo Luis A. Guillén.

“A decisión de seguir en Burela foi moi doada, todas as partes tiñamos a mesma intención, Juanma, a directiva e eu” explicaba Hélder, confesándose “cada ano con máis ganas” e definíndose como “un xogador con máis veteranía e experiencia”, aos seus 21 anos, un xogador da casa que aprendeu en Primeira División e a tempada pasada conseguiu dar un paso adiante na fortaleza do grupo.

“Pouco a pouco todos nos imos acoplando, este ano temos un equipo excelente”, aplaudía Hélder, cun grato ronsel na volta ás pistas: “A vitoria resistiúsenos ata o momento pero as sensacións están sendo boas. Hai novidades no equipo, pouco a pouco estamos adaptándonos todos e pouco a pouco o equipo vai engraxando” advertía o peche, extraendo unha lectura bastante positiva do termómetro ante Movistar Inter (1-4), o sábado pasado en Marín: “Creo que foi un bo encontro, puidemos plantarlle cara, tivemos a posesión do balón en momentos cómodos, aínda que no aspecto defensivo temos que mellorar”.


Sábado 25, Copa Galicia

O próximo destino na axenda dos mariñáns será a XXVIII Copa Galicia, con dezaseisavos este sábado, 25 de agosto, fronte ao Ribeira FS, de Terceira División. Será no pavillón municipal de Lugo ás 18.00 horas: “O obxectivo non é só pasar esta rolda senón todas, paso a paso, e poder chegar á final para loitar por conseguir o segundo título na nosa historia” explicaba o 30 burelista, lembrando con emoción o momento de alzar a primeira Copa Irmandiña para o equipo masculino laranxa, o pasado 1 de maio en Ferrol.









Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores